07/07/2023
Axudas do Programa EMEGA para o fomento do emprendemento feminino
O Diario Oficial de Galicia publica a Resolución do 27 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia (código de procedemento SI429A).
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.
Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais.
Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.
O programa Emega comprende as seguintes liñas e axuda complementaria:
a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais;
b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, consolidación e mellora de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico;
c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica;
d) axuda complementaria Concilia: co obxecto de a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.
Importe
A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:
a) Liña Emprende: incentivos desde 10.000 euros ata 22.000 euros.
b) Liña Activa: incentivos desde 8.000 euros ata 17.000 euros.
c) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 euros ata 42.000 euros.
d) Axuda complementaria concilia:
• Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 euros.
• Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 euros a 5.000 euros.
Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns oitocentos doce mil douscentos sesenta e catro euros (4.812.264 euros). Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 8 de xullo de 2023 e rematará o día 7 de agosto de 2023.
Data | Adxuntos |
---|---|
07/07/2023 | Programa EMEGA PDF [1 MB] |