05/05/2025

Axudas LEADER para execución de operacións en apoio de terceiras persoas

A Consellería do Medio Rural publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de abril as achegas para a execución de operacións en apoio de terceiras persoas ao abeiro da intervención Leader, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, así como as facilidades de acceso ao financiamento, dotadas cun orzamento de 12,6 millóns de euros.

Estes fondos xestionaranse a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) seleccionados como entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a xestión da intervención Leader. No caso de Barbadás, o Grupo de Desenvolvemento Rural  ADERCOU, atópase ubicado nas dependencias do Centro Empresarial Transfronteirizo e o teléfono de contacto é  988 360 17.

Financiaranse iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e de proxectos non produtivos que beneficien ao conxunto da poboación en xeral.

Poderanse beneficiar destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, as persoas físicas e xurídicas e as comunidades de montes en man común, así como as súas mancomunidades. As achegas concederanse en forma de subvención directa de capital non reembolsable e calcularase sobre os custos subvencionables tendo en conta a porcentaxe da axuda que resulte de aplicación do proxecto, en función dos criterios de selección establecidos por cada GDR.

Bono Activa Rural

A maiores, esta convocatoria inclúe como novidade o Bono Activa Rural. Isto consiste nunha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha aportación máxima de ata 18.000 euros.

Esta axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se relacionará co mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante, polo menos, cinco anos. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten.

Neste caso, poderán beneficiarse as persoas físicas que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividades empresarial a título individual na que se cree, como mínimo, o seu posto de traballo.

Data Adxuntos
05/05/2025 Axudas LEADER PDF [1 MB]

Novas, Promoción económica

CONTENT.1773639126

SINGLE.1773639126