28/04/2025
Barbadás acolle a exposición “Destino” do fotógrafo Manuel Valcárcel na súa primeira parada na provincia
Ata o 23 de maio, na Casa da Cultura Manuel María

- A mostra enmárcase no proxecto Corriente Cultural de Abanca e Afundación, que percorre diversas localidades galegas
- A Casa da Cultura Manuel María albergará a exhibición ata o 23 de maio
A Casa da Cultura Manuel María de Barbadás acolle desde este xoves a exposición fotográfica “Destino” do monfortino Manuel Valcárcel, na que presenta imaxes das súas peregrinacións a catro países de catro continentes distintos. A mostra, de carácter itinerante, enmárcase no proxecto Corriente Cultural de Abanca e Afundación, e conta coa colaboración do Concello de Barbadás.
A exposición fai a súa primeira parada na provincia ourensá en Barbadás, despois de ter percorrido diversas localidades galegas. O público poderá visitala, de forma gratuíta, no segundo andar da Casa da Cultura ata o 23 de maio.
En “Destino”, composta por máis dunha trintena de fotografías, o autor reflexiona sobre a familia, a emigración, o envellecemento ou a sostenibilidade a través da súa viaxe interior e física. Tíbet, Senegal, México e Galicia son os catro espazos elixidos por Valcárcel para contar distintas historias unidas por un mesmo destino.
Na inauguración da exposición participaron Beatriz Fernández-Anguino, coordinadora institucional de Afundación; Mateo Alonso, coordinador institucional de Abanca; Miguel Madriñán, director da sucursal Abanca de A Valenzá; Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás; Ana Peleteiro, concelleira de Cultura, e José Manuel Morgade, concelleiro de Turismo.