17/01/2024

Barbadás activa un programa para eliminar a fenda dixital e facilitar as xestións das persoas maiores na Rede

Barbadás volve a poñer o foco nos veciños e veciñas de maior idade. A través da concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación, que dirixe José Manuel Morgade, porase en marcha un programa de accións formativas que contribuirán a eliminar a fenda dixital. Ao longo deste ano está previsto levar a cabo diversas actividades que reforcen as competencias en novas tecnoloxías das persoas maiores de 55 anos.

Durante este mes de xaneiro comezará a desenvolverse esta iniciativa formativa, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. As primeiras sesións impartiranse os días 29 e 30 de xaneiro. Os participantes mellorarán as súas competencias dixitais, adquirindo coñecementos  para navegar con seguridade por Internet, facer xestións de banca online, pedir unha cita médica ou aproveitar o seu tempo de ocio na Rede.

As sesións impartiranse en horario de 10.30 a 12.30 horas nas instalacións municipais da Solaina e a inscrición será gratuíta. Os interesados deberán chamar ao número de teléfono 988 360 413 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cet@barbadas.es.

Mediante esta proposta, o Concello de Barbadás pretende eliminar a fenda dixital e aumentar a independencia e autonomía persoal dun dos colectivos de poboación máis vulnerable.

 

 

 

 

Novas

CONTENT.1726325946

SINGLE.1726325946