28/08/2019
BARBADÁS ADQUIRE UN VEHÍCULO INTEGRAMENTE ELÉCTRICO
BARBADÁS APOSTA POLA MOBILIDADE SOSTIBLE ADQUIRINDO UN VEHÍCULO CENTO POR CENTO ELÉCTRICO
A furgoneta é unha Nissan e-NV200 con unha autonomía de ata 301 quilómetros
O vehículo destinarase para o uso nas áreas de Parques, Xardíns e Obras
- O Concello de Barbadás é o primeiro da provincia de Ourense que adquire un vehículo destas características.
- A mobilidade cento por cento eléctrica chega a Barbadás coa adquisición por parte do Concello desta furgoneta que constitúe un dos vehículos eléctricos con recarga máis rápida do mercado, podendo acadar o 80 % da carga en só 60 minutos.
- O novo vehículo foi entregado hoxe ao mediodía de un xeito oficial ao alcalde de Barbadás, o socialista Xosé Carlos Valcárcel, quen estivo acompañado dos/as concelleiros/as do grupo de goberno.
- A furgoneta eléctrica supoñerá non só un aforro en combustible, senón que tamén se evitarán emisións de CO2 á atmósfera.
- Esta adquisición enmárcase nunha liña de subvencións da Xunta de Galicia baixo o epígrafe do Fondo de Compensación Ambiental.
- Para a compra do vehículo o Concello de Barbadás abriu un proceso de licitación pública.
- O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, explicou no acto de entrega que “unha das prioridades que ten o Concello de Barbadás é ser coidadosos co medio ambiente a nivel transversal en todas as áreas de traballo”.
- Este vehículo é adquirido a través de unha subvención da Xunta de Galicia e vai destinado aos servizos de Parques e Xardíns e a Obras, sinalou o rexedor.
- Valcárcel anticipou que “a intención do goberno é seguir traballando nesta liña, é dicir, ir substituindo os vehículos que están en uso por outros que sexan favorables para o medio ambiente”.
- Alberto Barreiros, xefe de vendas da Nissan en Ourense, amosou a “satisfacción por ter participado nesta venda, xa que é un vehículo que aposta pola mobilidade sostible, con emisións cero de CO2 e sen contaminación acústica”.
- Barreiros destacou tamén o aspecto “do aforro en combustible para o Concello”.
- O prezo de adxudicación do vehículo foi de 28.600 euros (sen IVE).