02/11/2023
Barbadás adquire unha plataforma elevadora que garantirá a seguridade das podas e facilitará os traballos en altura
Mellorar as condicións nas que traballan os operarios de Barbadás é un firme propósito do Concello, que vén de adquirir nova maquinaria para facilitar as tarefas en altura e garantir a seguridade. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a concelleira de Parques, Xardíns e Medioambiente, Victoria Morenza, recibiron esta mañá unha nova plataforma elevadora que non só facilitará o mantemento de zonas verdes coa realización da poda de árbores e setos, senón tamén a eliminación dos niños de velutina e as tarefas en zonas de difícil acceso.
Con esta adquisición, o executivo local pretende axilizar as tarefas dos operarios municipais e garantir unha intervención máis segura e eficiente.
A adquisición desta maquinaria, financiada con cargo á liña 2 do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, demostra o compromiso do Concello de Barbadás coa mellora dos servizos públicos. Esta acción permitirá un mantemento axeitado dos parques e xardíns, creando espazos acolledores e agradables para a veciñanza, ademais da realización de traballos en zonas altas ata o momento inaccesibles.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou a importancia de que Barbadás conte con este tipo de maquinaria especializada: “Proseguimos con este proceso de modernización que ten por obxectivo mellorar as condicións laborais dos traballadores e axilizar traballos como as podas, importantes para manter os espazos verdes en perfectas condicións. Canto máis se axilicen os traballos, mellor estética terá o noso concello”.
Con máis dunha trintena de parques infantís, moitos deles con zona verde anexa, e numerosas pradeiras, os traballos de posta a punto preséntanse complexos. Por iso, nas últimas semanas tamén se comezou a empregar en Barbadás un tractor rozadora de última xeración que mellora as tarefas de sega e roza da herba.