12/11/2025
Barbadás aposta pola conciliación co Campamento de Nadal para cativada de 3 a 12 anos

- “Este ano contamos cun horario máis amplo para axudar ás familias”, resalta Marga Pérez, concelleira de Educación
O Concello de Barbadás aposta unha vez máis pola conciliación das familias durante as vacacións escolares de Nadal. A área de Educación impulsa o Campamento de Nadal, unha proposta que inclúe actividades lúdicas e creativas adicadas a nenos e nenas de 3 a 12 anos. “Este ano contamos cun horario máis amplo para axudar na tan necesaria conciliación familiar e laboral”, resalta Marga Pérez, concelleira de Educación.
O Campamento terá lugar no Espazo Infantil os días 22, 23, 29 e 30 de decembro e o 7 de xaneiro en horario de 8,30 a 14,00 horas. “Haberá xogos cooperativos e obradoiros, pero sobre todo, moita diversión cos novos e novas amigas”, asegura Marga Pérez, concelleira de Educación. Cada día, as actividades serán distintas: desde un obradoiro de creación de adornos de Nadal ata un obradoiro de cociña, cine temático ou caza do tesouro.
As familias interesadas xa poden consultar as bases e o modelo de solicitude na páxina web do Concello (barbadas.es). As inscricións pódense formalizar do 17 ao 28 de novembro na Casa Consistorial e nas Oficinas Municipais, na Valenzá.