12/05/2026
Barbadás aposta polo deporte como ferramenta de conciliación durante as vacacións escolares

- O cuarto Campus Multideporte ofrece fútbol, fútbol sala, piscina, xogos polideportivos e saídas recreativas
- “Trátase dunha proposta moi saudable na que os nenos e nenas practican exercicio físico, socializan e aprenden valores como o compañeirismo e a deportividade”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde
O Concello de Barbadás aposta polo deporte como ferramenta de conciliación das familias durante as vacacións escolares. Por cuarto ano consecutivo, o Concello colabora coa Academia Futsal no Campus Multideporte, unha actividade que non só inclúe exercicio físico, senón tamén moita diversión. “Trátase dunha proposta de conciliación moi saudable na que os nenos e nenas practican exercicio, socializan e aprenden valores como o compañeirismo e a deportividade”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, quen destaca a importancia de ofrecer alternativas ás familias. “A conciliación da vida laboral e familiar é unha gran preocupación da nosa veciñanza, e por iso este tipo de colaboracións entre institucións e entidades é clave”, resalta.
Desde a Academia Futsal agradecen a colaboración do Concello e destacan a boa resposta das familias e dos participantes nas pasadas edicións. “Temos fútbol, fútbol sala, piscina, xogos polideportivos, saídas recreativas…”, detallan. O Campus Multideporte levarase a cabo en dúas quendas: do 29 de xuño ao 3 de xullo e do 6 de xullo ao 10 de xullo. Os prezos para os xogadores da Academia Futsal e para os empadroados en Barbadás é de 60 euros por semana e 100 euros as dúas semanas. Para o resto, 80 e 150 euros, respectivamente.
As actividades realizaranse no Complexo Deportivo de Barbadás, no Campo de Fútbol, no Polideportivo e na Piscina Municipal. O horario, como é habitual, será de 9,30 a 13,30 horas, con servizo para madrugadores desde as 9,00 horas. Para formalizar a inscrición é preciso poñerse en contacto co 676 700 774 ou 613 404 907 ou a través do email academiafutsal@gmail.com.