06/03/2025
Barbadás aposta polo deporte e o teatro para conmemorar o Día da Muller

- A concelleira de Igualdade, Elisabet González, recoñece os avances acadados, pero recorda que “queda moito camiño” para lograr unha sociedade igualitaria
- A corporación realizará a Lectura do Manifesto mañá, ás 12,00 horas, diante da Casa do Concello
- O prazo de inscrición para a II Carreira pola igualdade xa está aberto
O Concello de Barbadás reforza o seu compromiso coa igualdade de xénero cunha variada programación conmemorativa do 8-M, Día Internacional da Muller. “Este é un dos días máis importantes para todas as mulleres”, resaltou hoxe Victoria Morenza, tenente de alcalde, na rolda de presentación das actividades previstas. Nesa liña, puxo en valor o espírito pioneiro de Barbadás na loita contra o machismo: “Este concello foi pioneiro en poñer en marcha un servicio de Igualdade ou en poñer en marcha o Centro de Información á Muller (CIM)”.
A concelleira de Igualdade, Elisabet González, destacou os avances sociais acadados nas últimas décadas grazas aos movementos feministas, pero recoñeceu que “queda moito camiño para conseguir unha sociedade xusta e igualitaria para todos e todas”. Por iso, recordou que as actuacións a prol da igualdade “non deben limitarse” a un só día: “Temos que traballar os 365 días do ano”.
Victoria Morenza e Elisabet González estiveron acompañadas durante a presentación da programación polas súas compañeiras do goberno local, Marga Pérez (concelleira de Educación), Ana Peleteiro (concelleira de Cultura) e Noemí Santos (concelleira de Deportes).
Manifesto, II Carreira pola Igualdade e “Nabiza girl II”
O programa deste 8-M arrancou xa o pasado venres, 28 de febreiro, coa colocación do Punto Lila na Festa de Comadres. “É un punto de apoio, atención e divulgación para lograr unhas festas libres de agresións sexistas, e por iso o poremos máis veces”, explicou Elisabet González, que fixo énfase na “importancia” de traballar a igualdade tanto con rapaces como con rapazas.
Mañá, 7 de marzo, realizarase ás 12,00 horas a Lectura do Manifesto por parte da corporación diante da Casa do Concello. Trátase dunha declaración institucional a favor da loita pola igualdade real de homes e mulleres.
O domingo 16 de marzo continúa a programación ca II Carreira pola Igualdade, impulsada dende a Concellería de Igualdade en colaboración ca Concellería de Deportes. Esta será a segunda edición, despois de acadar a cifra de 400 participantes o ano pasado. “É unha carreira inclusiva, e convidamos a toda a cidadanía a participar, pódese facer a pé, correndo, en patín, en bicicleta… Vai ser moi bonita”, asegurou González.
O prazo de inscrición xa está aberto, e pode realizarse a través da páxina web https://sportmaniacs.com/es/services/inscription/ii-carreira-de-igualdade. O prezo da participación é de 5 euros para adultos, e de balde para menores de idade. A carreira comeza ás 11,00 horas na Glorieta da Familia da Valenzá, e o percorrido é de 5 kilómetros.
A programación remata o venres 28 de marzo coa obra de teatro “Nabiza Girl II” na Casa da Cultura Manuel María. “O teatro tamén é reivindicativo a prol da igualdade”, sinalou González. As entradas, de balde, pódense recoller na propia Casa da Cultura uns días antes da representación.