09/12/2025
Barbadás aprenderá a cociñar sen glute grazas a un curso gratuíto
- Durante a actividade, ensinarase a facer doces de Nadal seguros para celíacos
O sábado 13 de decembro, de 11.00 a 13.30 horas, na Asociación Fonval de A Valenza (Rúa Ensino 11, ao lado da Policía Local), terá lugar “Barbadás cociña sen glute!!”, un obradoiro gratuíto orientado a persoas celíacas ou intolerantes ao gluten, así como a veciños empadroados no municipio. Esta actividade, promovida pola Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) en colaboración co Concello de Barbadás, permitirá aprender a preparar receitas seguras e sabrosas sen gluten, compartir experiencias e fomentar hábitos alimentarios adaptados.
Durante o obradoiro, os participantes elaborarán galletas de Nadal, troncos de Nadal e focaccia aptas para celíacos. As prazas son limitadas, polo que os interesados deberán inscribirse previamente a través de ACEGA (teléfonos: 981 104 467 / 679 461 003; correo: info@celiacosgalicia.es) ou mediante o formulario en liña: https://forms.gle/wbw21sToRw9Z9BTt9.
Este curso súmase ás políticas de apoio que o Concello de Barbadás vén implementando en favor das persoas con celiaquía e intolerancias alimentarias. Entre outras medidas, o Concello ofrece axudas económicas para cubrir parte do sobrecusto derivado da compra de alimentos específicos sen gluten ou sen lactosa — unha iniciativa considerada pioneira en Galicia. A convocatoria actual permite solicitar subvencións de ata 400 € por persoa.
Con “Barbadás cociña sen glute!!” preténdese “non só ofrecer unha actividade formativa e práctica, senón tamén contribuír á inclusión e á visibilidade das persoas celíacas, facilitando un estilo de vida saudable e adaptado”, declara Eli González, concelleira de Servizos Sociais, Saúde e Igualdade de Barbadás. Así mesmo — e dado o carácter gratuíto e acessible do obradoiro — “búscase promover o intercambio comunitario e o apoio mutuo entre veciños/as, fortalecendo os lazos sociais no municipio” engadiu.