20/05/2025

Barbadás avanza na creación dun Polígono Industrial sumando dous informes favorables á súa viabilidade

Reunión
  • O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, reuníronse con Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial Atlántico (SEA)
  • Os dous informes realizados sobre a viabilidade urbanística, técnica e económica da construción do parque son favorables

O Concello de Barbadás avanza un paso máis para facer realidade a construción dun polígono industrial no concello, un dos proxectos estratéxicos prioritarios para o goberno local. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, reuníronse con Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial Atlántico (SEA), para valorar os dous informes realizados sobre a viabilidade do polígono. “Ambos informes arroxan resultados esperanzadores, sobre todo porque permitirían dotar de chan industrial a unha zona moi próspera que o precisa”, recalcou Sestayo.

Os dous estudos analizan pormenorizadamente a viabilidade urbanística, técnica e económica do proxecto, e ambos son favorables, o que supón un importante paso na consecución deste obxectivo estratéxico. Cabe destacar a excelente ubicación de Barbadás, tan preto da cidade, así como as boas conexións coas vías de alta capacidade. 

Xosé Carlos Valcárcel destaca a relevancia do favorable resultado de ambos informes, e incide no interese do goberno local por facer realidade ese espazo: “Seguimos traballando para implantar no noso territorio un área industrial que dinamice aínda máis o cuarto concello da provincia”. Nesa liña, recorda os obxectivos do futuro polígono: “Crear emprego, a pesares de ser xa un dos municipios ourensáns con menos desemprego, e diversificar as actividades industriais e empresariais de Barbadás”. 

O próximo paso é a elaboración dun proxecto estruturante e outro de urbanización, dos que se encargará o Concello, para analizar custes e fixar o precio da inversión, da que sería SEA o inversor maioritario. Na reunión tamén se valorou a importancia de achegarse ao empresariado do municipio para coñecer as súas necesidades e inquedanzas.

Novas, Promoción económica

CONTENT.1770946787

SINGLE.1770946787