20/05/2026

Barbadás celebra as Letras Galegas coa II Foliada, unha xornada adicada a música, a danza e a gastronomía tradicional

  • A cita, organizada polo Concello de Barbadás en colaboración coa asociación cultural Moureán, terá lugar este sábado no Parque dos Carrís
  • Xisco Feijóo, Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables participan no evento, así como as agrupacións musicais do municipio

O Concello de Barbadás, en colaboración coa asociación Moureán, impulsa este sábado a II Foliada Moureán, unha cita que celebra as Letras Galegas e enxalza a cultura tradicional galega. “Trátase dunha xornada que pon en valor a nosa música, a nosa tradición, a nosa danza e a nosa gastronomía”, resaltou esta mañá Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación do evento. 

A II Foliada conta este ano cun cartel de luxo, no que sobresae a figura de Xisco Feijóo, que impartirá un obradoiro de baile tradicional, e os grupos Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables. “Queremos que cada edición supere á anterior para asentarnos no calendario de foliadas que se espallan por toda Galicia”, apuntou José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura. 

As agrupacións musicais de Barbadás tamén terán un papel importante na xornada, xa que inaugurarán a II Foliada cun pasarrúas pola avenida de Celanova. Ás 12,00 horas, Nova Fronteira e a Banda de Música e Cultura de Barbadás percorrerán a rúa central da Valenzá para rematar no parque dos Carrís, onde tocarán na sesión vermú. O xantar popular, a base de porco ao espeto, comezará ás 14,00 horas. 

“Pola tarde comezamos co obradoiro de baile de Xisco Feijóo, de 16,00 a 18,00 horas, completamente gratuíto”, detallou Pablo García, de Moureán. A partir das seis da tarde actuarán Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables e, unha vez rematen, arrancará a foliada, aberta a músicos e bailadores. 

O teniente alcalde, Daniel Rey, aproveitou a ocasión para poñer en valor a colaboración do Concello con colectivos culturais como Moureán, que dinamizan a vida cultural e social de Barbadás. “O parque dos Carrís e un espazo tremendo para realizar este tipo de eventos, para que a poboación os coñeza e os desfrute”, apuntou. 

“Teremos unha tarde chea de cultura e música e animamos a toda a poboación a que veña e desfrute con nós”, convidaron desde Moureán. 

Novas

CONTENT.1781354466

SINGLE.1781354466