18/03/2025

Barbadás celebra o X Festival Solidario a favor da asociación Por Eles TEA

Presentación X Festival Solidario
  • O concerto levarase a cabo este sábado ás 19,00 horas no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e, como é habitual, correrá a cargo do alumnado e profesores da Escola de Música Municipal de Barbadás
  • “É unha combinación de música e solidariedade para contribuír a cambiar a sociedade e facela máis xusta, humana e empática”, destaca Marga Pérez, concelleira de Educación
  • As entradas están á venda por 5 euros no Centro Comercial Ponte Vella

O Concello de Barbadás aposta pola música como ferramenta educativa e impulsora dos cambios sociais a través do X Festival Solidario de Barbadás. Nesta décima edición, que se levará a cabo o sábado día 22 ás 19,00 horas, os beneficios do concerto irán destinados integramente á asociación Por Eles TEA Ourense. 

“Esta é unha actividade que nos fai moita ilusión organizar. É unha combinación de música e solidariedade para contribuír a cambiar a sociedade, facela máis xusta, humana e empática”, explicou hoxe Marga Pérez, concelleira de Educación, na rolda de prensa de presentación. Como é habitual, os alumnos e profesores da Escola de Música Municipal de Barbadás serán os encargados do concerto, que terá lugar no auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

María Losada, vicepresidenta de Por Eles TEA, puxo en valor a implicación do Concello de Barbadás, así como da Escola de Música, e invitou á poboación a sumarse á cita para gozar dunha “actuación fantástica” sobre o escenario. “Todo este tipo de eventos nos axudan a seguir desenvolvendo a nosa labor, apórtannos un gran de area moi necesario”, asegurou. Marga Pérez aproveitou a ocasión para resaltar o papel de Por Eles TEA, cuxo traballo “é fundamental” para acompañar ás persoas e familias afectadas. “Por iso dende as administracións temos que seguir sendo un apoio real e económico”, recalcou. Xosé Carlos Valcárcel, o alcalde, tamén enxalzou a función da entidade: “Atende a 40 familias que probablemente non terían doutro xeito os servizos e o apoio que lles facilitan”.

A vicedirectora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Naiara Acuña, destacou a importancia deste tipo de actividades con fin “social e solidario”, así como da colaboración entre institucións. “Temos que tecer esa rede de colaboración entre uns e outros, porque a finalidade é a mesma”, apuntou. 

Pola súa parte, Xoan Manuel Páxaro, director da Escola de Música Municipal de Barbadás, agradeceu o papel dos alumnos, das familias e dos profesores, que nestes días traballan arreo para ultimar os detalles da actuación. En total, 130 persoas participan no evento. “Dos músicos, os máis novos teñen 10 anos, e os máis maiores xa están na vintena”, sinalou. Páxaro tamén incidiu na perspectiva social da Escola: “Queremos que os rapaces se sintan en comunidade e favorezan a inclusión con este tipo de actividades”.

As entradas están á venda no CC Ponte Vella

As entradas, por valor de 5 euros, xa están á venda no punto de información do Centro Comercial Ponte Vella. O propio sábado, no caso de que aínda haxa billetes dispoñibles, haberá un pequeno posto no propio Conservatorio Profesional de Música de Ourense antes do inicio do festival. 

Para aquelas persoas que non poidan asistir, pero queiran colaborar coa iniciativa igualmente, habilitouse a “fila cero”. As aportacións económicas pódense facer ao número de conta ES31 2080 0403 5130 4002 5443 ou ao bizum 07312. 

“O éxito deste festival está garantido, todos os anos se enche o auditorio”, asegurou Xosé Carlos Valcárcel, quen agradeceu a colaboración das entidades e persoas colaboradoras. 

Barbadás Quéreo Viveo, Cultura, Novas

CONTENT.1747213533

SINGLE.1747213533