07/05/2025
Barbadás cobrará pola recollida e o coidado dos animais extraviados aos donos irresponsables

- “A finalidade non é recaudar, senon poñer en valor a quen cumple as normas e é responsable dos seus animais”, sinala Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias
- Protección Civil recolle cada ano un cento de cans en gatos, en algúns casos sen que os propietarios amosen ningún tipo de interese por eles
O pleno do Concello de Barbadás aprobou por unanimidade na sesión ordinaria de este luns a ordenanza fiscal nº17 reguladora da taxa por prestación do servizo de recollida, aloxamento, manutención e entrega de animais (cans e gatos) extraviados ou abandonados na vía pública. O goberno local dá así un paso adiante, na liña da normativa autonómica e estatal, no reforzo do benestar dos animais domésticos.
O servizo de Protección Civil de Barbadás recolle cada ano arredor dun cento de cans e gatos nas vías públicas do municipio. Na maioría de casos, tal e como asegurou Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias, no salón de plenos, estas situacións resólvense con rapidez e coa colaboración dos donos. “Cando o animal ten microchip, Protección Civil accede ao rexistro galego de microchips e contacta cos donos. Aí notamos o interese, ou non, dos propietarios. Hainos que non poden recoller o seu animal no momento, pero pídenlle a outra persoa que o faga, ou informan da hora á que lles é posible chegar”, explicou o edil.
Porén, tamén se dan casos nos que os animais non contan con microchip, ou incluso nos que os propietarios non se responsabilizan da situación. Nestas situacións, despois de 3 días Protección Civil encárgase do transporte dos animais ata a protectora, e o Concello asume os gastos de recollida e coidado. “Nótase quen ten interese polos seus animais e quen non, e o que buscamos é premiar a quen coida e ten en condicións aos seus cans ou gatos”, resaltou Rey, que incidiu en que o interese non é recaudatorio. De feito, a taxa que se vai gravar aos propietarios é o custe do servizo: 100 euros por recollida de cans, 85 euros por recollida de gatos e 10 euros diarios pola estancia dos animais nas instalacións municipais. “Só se vai cobrar cando o gato ou can non estea identificado e se entregue na protectora, e cando os donos son reincidentes”, resumiu Rey.