13/10/2025
Barbadás comeza as obras de recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda

- A actuación, de preto de 60.000 euros, transformará por completo o espazo, que ata o de agora tiña un uso residual
- “Constará de tres zonas perfectamente diferenciadas: unha inferior, destinada a merendeiro, a do medio, na que haberá un parque, e a superior, unha zona destinada ao deporte”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
- “Pensamos que pode ser un lugar moi frecuentado polas familias e polos mozos e mozas para a práctica do deporte”, apunta Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras
O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de reforma, recuperación e rehabilitación do Parque Lucinda, en Fonsillón, un espazo que ata o de agora tiña un uso residual. O goberno local inviste preto de 60.000 euros nesta intervención, que permitirá crear un espazo de lecer e convivencia dirixido a poboación de todas as idades.
O proxecto, elaborado por un equipo especializado en deseño de espazos urbanos, arquitectónicos e de mobilidade, contempla a intervención sobre unha superficie de 982 metros cadrados, con forma rectangular e escalonada, que se organizará en tres niveis. “O parque constará de tres zonas perfectamente diferenciadas: unha inferior, destinada a merendeiro, a do medio, na que haberá un parque infantil, e a superior, unha zona destinada ao deporte”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.
A actuación, incluída no Plan de Obras do Concello de 1,1 millóns de euros para este 2025, non só cubrirá a demanda da poboación moza de máis espazos deportivos, senon que tamén se convertirá nun punto de reunión interxeracional. “Cremos que pode ser un lugar moi visitado polos mozos e mozas para a práctica do deporte, e sobre todo, moi apropiado para o intercambio xeracional, xa que virán pais, nais, avós e avoas, nenos e nenas, que desfrutarán da zona de esparcemento e do parque infantil”, apunta Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Obras.
O parque suporá un pulo de vitalidade a Fonsillón, unha zona en expansión de Barbadás na que viven moitas familias novas e que actualmente carece de espazos de lecer e convivencia. “O parque ten unha das melloras vistas do noso Concello cara a Ourense”, resalta Valcárcel. O rexedor incidiu en que esta actuación se enmarca na aposta do goberno municipal por recuperar e rehabilitar espazos que están en situación de abandono.