21/11/2025
Barbadás conciencia ás novas xeracións sobre a realidade da violencia de xénero

- O Concello conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller baixo o lema “Contra o negacionismo: compromiso e acción”
- “Queremos poñer o foco no negacionismo da violencia de xénero, en constante aumento nos últimos tempos, xa que consideramos que este tipo de discursos tamén son violencia”, apunta Elisabet González, concelleira de Igualdade
O Concello de Barbadás conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, baixo o lema “Contra o negacionismo: compromiso e acción”. As actividades programadas, que inclúen teatro ou obradoiros, van dirixidas a visibilizar e denunciar as moitas violencias que sofren as mulleres hoxe en día, así como a concienciar á poboación de todas as idades. “Queremos poñer o foco no negacionismo da violencia de xénero, en constante aumento nos últimos tempos, xa que consideramos que este tipo de discursos tamén son violencia”, sinalou esta mañá Elisabet González, concelleira de Igualdade, na presentación da programación.
Nesta liña, a Concellería aposta por achegarse aos centros educativos e formar ás novas xeracións na identificación da violencia e no desenvolvemento do pensamento crítico. “Teremos o obradoiro ‘O que non se ve non existe’, con alumnado de Educación Primaria, e ‘Desmontando mitos’, con alumnado de Secundaria”, detallou González. “Os obradoiros tocan cuestións esenciais como esas formas de violencia máis sutís, máis ocultas, son máis difíciles de identificar”, resaltou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. O rexedor puxo énfase na importancia de poñer enriba da mesa as situacións que viven as mulleres e o impacto de certos discursos: “Négase unha realidade visible, pero que non se quere ver”.
As actividades levaranse a cabo durante os meses de novembro e decembro no CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro, Luis Vives e IES Ferro Couselo.
Teatro, lectura de manifesto e mesa institucional
O propio 25N, na rotonda da Familia da Valenzá, realizarase a lectura dun manifesto contra a violencia machista ás 12,00 horas, na que participará alumnado do CPR Luis Vives. O acto tamén incluirá a colocación dunha carpa aberta á veciñanza, na que se informará sobre a campaña da Concellería e se darán a coñecer os recursos e servizos dispoñibles para as mulleres vítimas de violencia.
A programación complétase o día 28 de novembro coa Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero e a obra teatral “Xoguetes rotos”, da compañía Barrosanta, que terá lugar na Casa de Cultura ás 20,30 horas.
