04/12/2023
Barbadás consolídase como un exemplo de concello sostible e pioneiro na implantación do colector marrón pechado a pé de rúa
O Concello de Barbadás dá un paso máis cara un futuro sostible. No pleno desta tarde aprobouse, cos votos a favor de todos os grupos políticos a excepción do BNG, que se abstivo, a adhesión á campaña de reciclaxe que promove a compostaxe a través das plantas de Sogama. Implantarase o colector marrón a pé de rúa e o municipio será así pioneiro na provincia en promover a recollida da materia orgánica en colector marrón para os residentes no casco urbano e para os grandes produtores.
Un total de 700 familias da Valenzá poderán implicarse na recollida separada de materia orgánica. Para facilitar a súa participación estanse a levar a cabo accións a pé de rúa co reparto de cubos aireados de 10 litros e 2.100 atados de bolsas compostables, xunto co folleto explicativo e unha chave. Para a posta en marcha deste proxecto contouse cunha axuda da Xunta de Galicia e dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España por un importe de arredor de 50.000 Euros dos que o Concello aporta o 10%.
Os residuos trataranse en Sogama, a través da planta de transferencia de San Cibrao, para o que será preciso firmar un convenio que terá 5 anos de duración.
Na sesión plenaria desta tarde tamén se deu luz verde, co voto a favor de todos os grupos políticos, á creación da Xunta Local de Protección Civil. Entre as súas funcións estará propor a elaboración do Plan de Emerxencias Municipal e os plans especiais que sexan precisos, supervisar os simulacros, promover campañas de información cidadá ou impulsar as medidas de prevención que se consideren, entre outra accións.
Xa no capítulo de mocións, os grupos municipais que forman o Goberno local votaron a favor dunha moción do Partido Popular na que demandaban responsabilidade para executar o Plan de Cooperación da Deputación. Abstivéronse o BNG e o concelleiro de Partido Galego.
Os concelleiros e concelleiras do PSdeG-PSOE e DO votaron a favor, se ben, segundo explicou Victoria Morenza, “pese a que o PP demostra chegar sempre tarde e a destempo, así como un profundo descoñecemento do día a día do Concello e una alarmante falta dun proxecto propio para Barbadás”. Morenza asegurou que dende a Deputación ” levan décadas furtando diñeiro para investimentos en Barbadás e veñen agora presumindo de conquistadores cando foi o PSdeG quen posibilitou o plan de cooperación”.
A edila respondeu así ao listado de 11 actuacións ás que o PP pedía dedicar con “responsabilidade” os fondos de plan provincial, “atendendo as necesidades urxentes demandadas polos veciños, fixando obxectivos claros e realistas”.
“Algunhas destas actuacións non son competencia municipal, mentres que a maioría xa están tramitándose ou mesmo teñen os permisos para a súa execución. Está claro que o PP chega tarde, pero ademais carece de ideas propias para o noso Concello, ao que estivo anos furtándolle inversións durante as últimas décadas cun reparto sectario de fondos públicos por parte da Deputación”, sentenciou.
O PP retirou da moción o punto relativo a implantar fibra en Barxa e mellorar a cobertura de telefonía móbil en Bentraces, xa que non son asuntos de competencia municipal.
Tamén foi aprobada a moción do BNG na que se reclamaban contidos infantís e xuvenís nas televisións públicas.