07/05/2025

Barbadás convértese no primeiro concello ourensán en reclamar a reapertura da unidade poscovid da provincia

Pleno maio
  • O pleno do Concello aprobou por unanimidade a moción presentada por PSdeG e DO, na que se solicita á Xunta a reactivación deste servizo, ao que acudían máis de 400 persoas afectadas
  • O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, recordou o traballo que leva feito e continúa facendo Barbadás por visualizar esta enfermidade

O Concello de Barbadás converteuse este luns no primeiro concello ourensán que reclama a reapertura da unidade poscovid da provincia. O pleno aprobou, por unanimidade, unha moción presentada polo PSdeG e DO para instar á Xunta a reactivar este servizo, activo desde hai anos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), e pechado recentemente pola administración autonómica. O goberno local de Barbadás súmase a esta demanda e amosa así o seu apoio ás mobilizacións realizadas este último mes por parte da asociación de persoas afectadas pola covid persistente na provincia ourensá. 

A unidade sanitaria atendía a máis de 400 pacientes cando a Xunta decidiu desmantelala. Entre os numerosos e variados síntomas que sofren estas persoas destacan a fatiga crónica, a dificultade respiratoria, as taquicardias, a alteración da memoria ou o deterioro físico e cognitivo. O peche do servizo, no que se abordaba a enfermidade desde distintas especialidades médicas, supón para os pacientes a perda dunha atención personalizada que lles permitía convivir cos seus síntomas. 

O concelleiro de DO, Daniel Rey, defendeu a importancia da reactivación desta unidade “por riba de posicionamientos políticos ou partidistas”, e deu conta do impacto da enfermidade lendo un fragmento dunha carta escrita por unha persoa con covid persistente. Nesa liña, cabe destacar a presencia no salón de plenos de Barbadás de dous pacientes, entre elas, a tesorera da asociación de afectados pola longcovid.

Pola súa parte, a concelleira de Sanidade, Elisabet González, puxo cifras a esta realidade moitas veces invisibilizada: “Estímase que a covid persistente afecta ao 10/15% das persoas que se contaxian. As persoas afectadas non poden ser abandonadas, por iso é necesario garantir a continuidade desta atención médica especializada”. 

O PP presentou unha emenda para reactivar a unidade ao remate das obras no CHUO

A moción presentada polo PSdeG e DO foi apoiada pola unanimidade do pleno. Porén, o PP presentou unha emenda para reactivar a unidade ao remate das obras do CHUO, xa que o complexo hospitalario está sendo reformado e ampliado desde agosto de 2022. O goberno local non aceptou esta emenda porque non corresponderse co “espírito da moción”. 

Nese sentido, PSdeG, DO, Partido Galego e BNG coincidiron en que non se trata dunha cuestión vencellada ao remate das obras (previsto, segundo a Xunta, para mediados de 2026), senón da necesidade de manter a atención aos pacientes afectados. “Reforzar o servizo pódese facer mantendo a unidade activa e posteriormente, cando esas obras estean rematadas, ampliala”, resumiu o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, quen recordou o traballo feito polo Concello de Barbadás neste ámbito. “Quero que lle chegue este mensaxe á cidadanía: as demandas que había foron escoitadas e atendidas”, sinalou. 

Novas, Sanidade

CONTENT.1770947780

SINGLE.1770947780