17/09/2025

Barbadás destina case 800.000 euros a actividades e servizos que deberían pagar outras administracións

Pleno orzamentos
  • O pleno aprobou, en sesión extraordinaria, os orzamentos para 2025, que ascenden a 9.240.734,87 euros, preto de 600.000 euros máis que en 2024
  • O capítulo de investimentos ronda o millón de euros, que xunto ás achegas do Estado, vía outras administracións, eleva a dous millóns a inversión municipal en 2025

O pleno do Concello de Barbadás aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria, o orzamento para o 2025, que ascende a 9.240.734,87 euros. O orzamento medra en preto de 600.000 euros respecto ao exercicio anterior, o 2024. A aprobación lévase a cabo nestas datas, co exercicio xa avanzado, debido ao contexto de prórroga orzamentaria no ámbito estatal, xa que ata finais de xuño non foi posible coñecer con precisión a participación das entidades locais nos fondos do Estado pola falta de acordo entre os grupos parlamentarios con representación no Congreso.

En calquera caso, o orzamento municipal deste 2025 non só é maior que o de 2024, senón que tamén supón un importante paso adiante respecto aos de anos anteriores e reforza a aposta do goberno local por investir en obras (plan municipal), servizos e actividades que mesmo en algúns casos non son propias, senón que deberían estar financiadas por outras administracións. O elevado impacto das denominadas competencias impropias, que deberían estar a ser financiadas por outras administracións (nomeadamente, Xunta de Galicia e Goberno Central), alcanza preto de 800.000 euros anuais que asume o Concello de Barbadás. Neste capítulo atópanse, por exemplo, o Servizo de Axuda ao Fogar, o mantemento dos centros educativos ou mesmo as bonificacións ao transporte, nas que Barbadás é pioneiro en Galicia. 

Esta elevada inversión, que tensa as arcas públicas e impide investir eses mesmos cartos en proxectos e servizos de exclusiva competencia municipal, provocou que o Concello solicitase o pasado agosto á Xunta que asumise integramente o SAF, dado que é esta administración, xunto co Goberno Central, quen teñen a obriga legal de financialo.

 

Neste sentido, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, citou esta mañá o custo anual do SAF para as arcas municipais (máis de 430.000 euros) ou o do transporte (máis de 160.000 euros). “Somos o único concello con bonificacións para o transporte público, o que supón cada ano 132.000 euros, e non existe transporte metropolitano nin nada que se lle pareza porque a Xunta non quere actuar aquí”, resaltou. O concelleiro de DO, Daniel Rey, e o edil do Partido Galego, Ramón Padrón, tamén puxeron o foco na falta de financiación do Estado e da Xunta en servizos que lles corresponden. “Todos coincidimos en que o SAF é un servizo que temos que prestar, como servizo social fundamental que é, pero lastra o orzamento deste Concello, sendo un servizo de carácter autonómico”, apuntou Rey.

A contía para este 2025 supera en máis dun millón de euros o orzamento que se elaborara para o ano 2022, que fora o primeiro trala superación da pandemia e que, polo tanto, é o que se adoita tomar como referencia. Os concelleiros de DO e Partido Galego apuntaron a “infrafinanciación” das administracións locais e criticaron a falta de financiación por parte da Deputación e da Xunta, mentres que PP e BNG afearon a tardanza na aprobación dos orzamentos, causada pola falta de acordo entre os parlamentarios con representación no Congreso.

Investimentos e persoal

O capítulo de investimentos, pola súa parte, ascende aos 978.444,86 euros que, sumados ás aportacións do Estado a través doutras administracións elevan a contía total a algo máis dos dous millóns de euros. Esta partida destínase á creación de novas infraestruturas e equipamentos, así como á rehabilitación e reforma de espazos senlleiros do municipio. Entre outros investimentos, destaca o relativo ao iluminación pública a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), con máis de 360.000 euros, ou o relativo a infraestruturas e bens de uso xeral, con 221.000 euros. Pola súa parte, das aportacións estatais a través do CooperOU destaca a recuperación de edificios como a antiga escola de Sobrado, novas áreas lúdicas e deportivas como o Parque Lucinda, a ampliación do Polideportivo ou obras de saneamento e melloras en accesos viais.

No referente ao capítulo de persoal, o gasto sobre o total dos orzamentos redúcese con relación ao 2024 e tamén respecto aos anos anteriores. En comparación con 2022, a porcentaxe diminúe en case seis puntos: se nese exercicio o persoal supoñía o 48,32% do total orzamentado, en 2025 redúcese ata o 42,20%. No pleno, a concelleira do PP, Chelo Vispo, criticou o “elevado gasto de persoal”, ao que o alcalde lle recordou a diminución respecto aos anos previos. “Esta redución débese a que xa non contratamos tanto temporalmente e a que se estabilizaron emprego”, indicou. 

Actas e acordos, Novas

CONTENT.1770947418

SINGLE.1770947418