29/04/2021
Barbadás e FEGADACE colaboran na sensibilización sobre o dano cerebral cunha exposición e unha charla
Charla, o 7 de maio. Exposición fotográfica, do 3 ao 21 de maio.
> A mostra ‘Punto e seguido’ poderá verse na Casa da Cultura da Valenzá do 3 ao 21 de maio.
> A traballadora social da Federación dará unha charla sobre prevención o día 7.
A exposición ‘Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido’ chega ao concello de Barbadás en maio.
- Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta discapacidade. A colección de imaxes poderá visitarse desde o 3 ata o 21 de maio na Casa da Cultura Municipal Manuel María (Rúa San Bernabé, 37 – A Valenzá). O horario de apertura do centro é de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas.
- A colaboración do concello de Barbadás con FEGADACE inclúe tamén a organización dunha charla, dirixida a todo tipo de público, na que a traballadora social da Federación vai falar da prevención das principais causas do dano cerebral (o ictus e os accidentes de tráfico), e do modelo de atención e rehabilitación que se desenvolve nas asociacións galegas de dano cerebral, ditado polo Ministerio de Sanidade a través do Imserso. A charla vai ter lugar o día 7 de maio ás 12:00 e tamén na Valenzá, desta vez na Casa da Mocidade (Travesía do Viso, 2).
Proxecto ‘Punto e seguido’
- As fotografías que compoñen a mostra, obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga, realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer -a entidade ourensá- e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.
- Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.
- O concello de Barbadás participa na organización desta exposición fotográfica, que se amosará na sala de exposicións da Casa de Cultura Manuel María.