25/11/2019

Barbadás en negro contra a violencia de xénero

CONCENTRACIÓN NA CASA DO CONCELLO DE BARBADÁS PARA CONMEMORAR O 25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Os/as asistentes gardaron un minuto de silencio na honra da última vítima de hoxe en Tenerife

Manifesto 25 de novembro de 2019

En Negro Contra as Violencias 

 

O Concello de Barbadás, xunto a outros 125 concellos, milleiros de establecementos, empresas e colectivos que están a tinguir Galicia, unímonos a esta acción social contra as violencias machistas para manifestar a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias contra as mulleres, e de xeito máis enérxico, a súa consecuencia máis extrema, os feminicidios. 

 

Este ano –segundo datos oficiais–  foron asasinadas 51 mulleres en España, sen contar as asasinadas por estar ao lado da vítima, por ser irmá, filla ou nai. No caso de Galicia o contador xa suma cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que pretendían afastarse: Maria José, Sandra, Alba e María Elena en Valga e Mari Carmen en Vilalba. A rabia e o desconsolo fainos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita.

 

Sabemos que o feminicidio é a última e máis extrema das violencias machistas,  pero hai moitas máis, expresadas de diferentes e diversas formas, que rodean e perseguen ás mulleres.  Nos últimos meses, atopámonos coa dobre agresión que sofren as mulleres vítimas de violacións en grupo e con sentenzas que subestiman a situación de indefensión ante os agresores; asemade, miles de mulleres en situación de violencia de xénero que deciden denunciar, sofren de xeito sistemático todo un proceso de violencia institucional que fai que desconfíen do sistema, que non se sintan amparadas e protexidas por el, e que ao fin as revitimiza, dificultando a súa recuperación . 

 

Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer as graves fendas de xénero existentes no ámbito social, económico, cultural;  cómpre atallar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas reais para a promoción da igualdade e a prevención das violencias, contemplar recursos humanos e económicos para o seu correcto desenvolvemento, no ámbito da educación, da xustiza, dos coidados… por iso, este ano, queremos precisamente incidir na prevención, facendo o chamamento de CONTRA AS VIOLENCIAS, EDUCACIÓN!

 

Por iso, no Concello de Barbadás dende a Área de Igualdade,a través do CIM,  apostamos por desenvolver actividades educativas para crianzas onde o eixo fundamental é a perspectiva de xénero; soamente dende unha  educación en igualdade que inclúa todos os niveis educativos, poderase construír unha sociedade feminista, que rache coa actual estrutura patriarcal.

 

Tamén queremos denunciar a complicidade de quen acubilla e silencia estas violencias, porque quen actúa con complicidade e mirando para outro lado, tamén é culpable!

 

Desde o Concello de Barbadás queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita, axentes sociais, institucións, cidadanía, medios de comunicación… recoñecendo a importancia do papel das entidades locais, en tanto, poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres e as crianzas.

Xuntas, en rede, será máis doado seguir!

 

Novembro 2019

Igualdade, Novas

CONTENT.1711717102

SINGLE.1711717102