22/05/2025
Barbadás enxalza a tradición lírica galega coa celebración da IV Foliada

- O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, pon en valor o papel das cantareiras e pandereteiras na creación e transmisión de arte e beleza
- “Este ano hai novidades, e contamos coa colaboración da Asociación Cultural Moureán, que xurdiu este mismo ano entre mozos e mozas de Barbadás”, sinala Ana Peleteiro, concelleira de Cultura
- Rodrigo Míguez, tesoureiro de Moureán, anima a toda a poboación a achegarse ao parque dos Carrís este sábado
A celebración das Letras Galegas continúa en Barbadás, que este sábado festexa a IV Foliada. Nesta ocasión, a Concellería de Cultura conta coa colaboración da Asociación Cultural Moureán, unha entidade recentemente impulsada por mozos e mozas do municipio vencellados á música tradicional galega.
O parque dos Carrís acollerá a celebración, que arrancará ao mediodía para rematar pola noitiña. “Este ano temos novidades que esperamos que sexan do agrado de todo o mundo”, anunciou esta mañá Ana Peleteiro, concelleira de Cultura, na presentación do evento. Nesa liña, apuntou a recuperación do tradicional desfile matutino polas rúas da Valenzá (amenizado por Nova Fronteira e a Banda de Música Cultural de Barbadás) con posterior sesión vermú nos Carrís. “Nesta ocasión teremos unha degustación de porco ao espeto en lugar do xantar popular habitual, polo que non é preciso coller antes os tickets, senón que se poden comprar no momento”, detallou.
Despois da comida, haberá un obradoiro de danza con Dantzari, e a partir das 17,30 horas, actuacións das agrupacións participantes. “En Barbadás temos o privilexio de contar con distintas agrupacións culturais que promoven a nosa tradición e a unión entre a veciñanza, e son elas as que van estar o sábado enriba do escenario”, comentou.
O prato forte da xornada é o concerto do grupo Fiandola, seguido dunha foliada aberta. Rodrigo Míguez, tesoureiro de Moureán, animou á poboación a sumarse a celebración e a desfrutar dun día de música, tradición e diversión. “Ademais, teremos xogos populares durante toda a xornada, así como sorteos de máis de 20 premios”, indicou.
A IV Foliada tamén contará co Punto Violeta da Concellería de Igualdade, de 20,00 a 23,00 horas.
Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, puxo en valor o papel das cantareiras e pandereteiras, homenaxeadas nas Letras Galegas 2025. “Foron e son mulleres creadoras e transmisoras de arte e de beleza”, recalcou. Nese sentido, referiuse ás cantareiras e pandereteiras de hoxe en día, que continúan a recuperar, compartir e manter “a nosa tradición musical” entre as novas xeracións.