21/03/2025
Barbadás, exemplo de solidariedade: leva donados 20.000 euros a distintas asociacións

- O auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Ourense acolle mañá, ás 19,00 horas, o X Festival Solidario de Barbadás, realizado a favor da asociación Por Eles TEA
- As entradas continúan á venda: hoxe, no CC Ponte Vella, e mañá, no propio conservatorio
O Concello de Barbadás celebra mañá o X Festival Solidario, un evento que combina música e conciencia social. Nesta décima edición, os beneficios irán destinados integramente á asociación Por Eles TEA Ourense, que traballa na atención, apoio e acompañamento de 40 familias da provincia.
Nos nove festivais realizados ata o momento, o Concello logrou recadar case 20.000 euros, que se destinaron a diversas causas sociais. O goberno municipal leva colaborado nestes anos coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense, Alcer, Pequenos Superheroes, Asociación de Lupus ou Aodemper, entre outras entidades.
A banda sonora do concerto, como é habitual, correrá a cargo da Escola de Música Municipal de Barbadás. Na gala participan 130 persoas do centro, entre alumnado e profesores, que preparan hoxe os últimos detalles da actuación, unha das máis esperadas do ano.
Entradas á venda
As entradas para asistir ao X Festival Solidario de Barbadás continúan á venda. Hoxe, no punto de información do CC Ponte Vella, e mañá, nun posto ubicado no propio Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Para aquelas persoas que non poidan acudir pero queiran facer igualmente a súa aportación habilitouse a “fila cero”. Así, pódense facer doazóns ao número de conta ES31 2080 0403 5130 4002 5443 ou ao bizum 07312.