19/03/2025

Barbadás favorece a circulación na Valenzá coa creación de prazas de estacionamento para paradas de 10 minutos

Traballos de sinalización
  • A avenida de Celanova conta xa con catro aparcadoiros deste tipo, que facilitan os desprazamentos da poboación nunha zona con alta densidade de tráfico
  • O Concello tamén designou unha zona de parada e estacionamento específica para vehículos de autoescolas

O Concello de Barbadás vén de crear novas prazas de estacionamento limitado na avenida de Celanova da Valenzá. Xa son catro os aparcadoiros deste tipo, nos que se permite estacionar o vehículo durante un tempo máximo de 10 minutos. Esta medida busca favorecer a mobilidade da poboación nunha zona con alta densidade de tráfico e numerosos locais comerciais e de hostalaría. Deste xeito, os condutores poden aparcar, realizar os seus recados cotiás con maior axilidade e evitar alteracións do tráfico (como dobres filas ou estacionamentos en vados). 

As prazas de nova creación sitúanse nos números 19 e 116 da avenida de Celanova. Ademais, o Concello encargouse de repintar as dúas prazas xa existentes, no número 100 da mesma rúa. 

Máis novas prazas

Coa fin de mellorar a mobilidade da Valenzá, o Concello de Barbadás tamén creou recentemente unha zona de parada e estacionamento específica para vehículos de autoescolas. Este espacio está ubicado ao carón do viaduto da autovía A-52, na avenida de Celanova, unha vía moi frecuentada nas prácticas de condución do carné. Ademais, na mesma zona realizouse o pintado dun ceda ao paso e dun stop para facilitar a incorporación ao tráfico.  

Por outra banda, creáronse sete novas prazas de aparcamento para motocicletas. Dúas delas, no número 18 da rúa Areal; outras dúas no número 1 da rúa Tomás Rodríguez Punxín; unha no número 93 da avenida de Celanova, e outra no número 2 da avenida de Celanova. 

Por último, instalouse unha nova praza de carga e descarga no número 14 da avenida de Celanova. 

Cambios de sentido 

O Concello de Barbadás finalizou en febreiro a reordenación de tráfico nas rúas Carrís e Salgueiriños e na Calzada Romana, todas elas na Valenzá. O cambio de sentido permitiu mellorar a mobilidade na zona, acadar unha circulación máis fluida e aumentar a seguridade de condutores e peóns. 

No caso da Calzada Romana, o Concello atendeu a recomendación da Policía Local de converter a rúa nunha vía dun único sentido de circulación, xa que nas fins de semana, debido aos eventos deportivos, producíanse dificultades na circulación. 

Infraestruturas/Obras/Servizos, Novas

CONTENT.1747874209

SINGLE.1747874209