23/04/2025

Barbadás festexa o Día do Libro coa mirada posta nos máis pequenos

Contacontos
  • A Biblioteca Municipal acolleu pola mañá un contacontos para alumnado da Escola Infantil, e pola tarde é a quenda das librerías Moraima e Carlin
  • As catro librerías da Valenzá ofrecen descontos do 10% durante toda a xornada

Barbadás festexa o Día do Libro cunha programación especialmente dirixida aos futuros lectores. A Biblioteca Municipal recibiu a alumnado e docentes da Escola Infantil de Barbadás, que gozaron dun divertido contacontos. Ao remate da actividade, os participantes recibiron como agasallo un libro adaptado á súa idade. 

“Con esta programación queremos fomentar entre os máis pequeniños a pasión pola lectura, polos libros e por desenvolver a imaxinación”, apunta Marga Pérez, concelleira de Educación e Comercio. Nesta liña, pola tarde se levarán a cabo contacontos nas librerías Moraima e Carlin, unha iniciativa que onte tivo lugar nas librerías Espa e Valenzá. “É un xeito de achegar aos futuros lectores aos libros e de impulsar ao comercio local”, detalla a edila. As catro librerías ofrecen descontos do 10% nas compras durante toda a xornada. 

A programación continúa 

O Concello de Barbadás apostou este 2025 por celebrar o Día do Libro durante todo o mes de abril con diversas actividades na Biblioteca Municipal, nas librerías e na Casa da Cultura. 

A programación continúa mañá, cun obradoiro de collage sobre a escritora Carmen Martín Gaite, moi vencellada a San Lourenzo de Piñor, onde pasou varios períodos da súa vida. Os participantes aprenderán a técnica do collage, utilizada pola autora na súa estancia en Nova York, e elaborarán unha obra baseada na novela “Carapuchiña en Manhattan”.

O Mes do Libro despídese o sábado coa peza teatral “Castelao. Un corazón á intemperie”, da compañía Fantoches Baj. A obra, na que se mesturan narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras, busca dar a coñecer a figura de Castelao entre a rapazada, así como poñer en valor o seu legado e a lingua galega. A representación terá lugar na Casa da Cultura Manuel María.

Cultura, Novas

CONTENT.1747875667

SINGLE.1747875667