16/06/2025
Barbadás homenaxea a estreita relación de Carmen Martín Gaite con San Lourenzo de Piñor co III Paseo Literario

- O percorrido, guiado polo profesor e investigador David G. Couso, realizarase este sábado a partir das 9,45 horas
- Esta é a actividade central do Ano Carmen Martín Gaite, pero a programación estenderase ata o mes de decembro
- “Boa parte da súa obra literaria ten chiscos das súas vivencias nesta parroquia de Barbadás”, destaca o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel
O Concello de Barbadás convida á participación no III Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, unha actividade que permite coñecer lugares e espazos da localidade reflectidos nas novelas da escritora. A edición deste ano é, se cabe, máis especial, ao enmarcarse dentro do Ano Carmen Martín Gaite polo centenario do seu nacemento.
O percorrido, dirixido polo docente e investigador David G. Couso, levarase a cabo este sábado, día 21, a partir das 9,45 horas. O prazo de inscrición, que se pode realizar a través da web do Concello de Barbadás, permanecerá aberto ata este mércores.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, pon en valor a “estreitísima” relación da escritora – “unha das máximas expoñentes das letras hispánicas” – con San Lourenzo de Piñor, convertido en “Trimonte” nas súas novelas. “Boa parte da súa obra literaria ten chiscos das súas vivencias nesta parroquia”, recordou Valcárcel esta mañá, na presentación do paseo literario.
O acto tivo lugar na Fonte do Regueiro de Piñor, un espazo “senlleiro” da vinculación de Martín Gaite coa localidade. “Esta fonte foi promovida polo seu tío hai case un século, e é un dos escenarios do percorrido”, explicou Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns. O Concello levou a cabo recentemente unha intervención de mellora da fonte e do entorno. “Vaise instalar un banco coa silueta da cara da escritora e unha caseta cunha selección das súas obras literarias”, detallou Morenza. A tenente alcalde tamén avanzou que Piñor será o escenario dunha película sobre Carmen Martín Gaite, que comenzará a rodarse o próximo mes de setembro.
A concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, animou á veciñanza a sumarse ao paseo literario, que culminará coa actuación da Banda Cultural Barbadás e cun convite de petiscos. Ademais, cada participante recibirá un agasallo, cortesía do Concello.
Pola súa parte, David G. Couso agradeceu ao goberno local de Barbadás “saber ver e valorar” a importancia de Piñor como lugar literario. “Transcendeu como lugar na literatura ao ser inmortalizado como Trimonte. Calquera persoa no mundo pode coñecelo a través dos libros de Martín Gaite”, destacou.
Ano Carmen Martín Gaite
A corporación municipal acordou declarar este 2025 como Ano Carmen Martín Gaite, coincidindo co centenario do seu nacemento. A actividade central da programación cultural é o paseo literario, pero a programación continuará ata o mes de decembro. Polo de agora, xa se levaron a cabo propostas culturais cos máis pequenos, como o obradoiro de collage realizado no Mes do Libro. “Aínda quedan moitas actividades máis, como a visita da Ruta Quetzal, que fará parada en Piñor. 200 mozos e mozas percorrerán Barbadás para coñecer o lugar onde Carmiña pasou os veráns da súa infancia”, comentou Ana Peleteiro.
Por outra banda, o Concello de Barbadás está a crear “importantes vencellos” con Salamanca, cidade onde a escritora pasou a súa xuventude. Na web de Barbadás pódese consultar o apartado “Piñor, lugar literario”, onde se recollen diversas informacións e actividades realizadas para homenaxear á escritora.