02/07/2026

Barbadás impulsa este sábado a cuarta edición do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite” e inaugura unha mostra permanente sobre a autora

  • A cita, guiada polo docente e investigador David G.Couso, comeza ás 9,45 horas no centro social de Piñor, onde se poderá visitar a exposición “As palabras postas en fila. O álbum da infancia de Carmiña en Piñor”
  • “Esta iniciativa representa moi ben o compromiso do Concello coa cultura, coa nosa identidade e coa posta en valor do noso patrimonio”, resalta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

O Concello de Barbadás impulsa este sábado unha nova edición do Paseo Literario “O Piñor de Carmen Martín Gaite”, unha cita xa consolidada no panorama cultural do municipio e que atrae, ano tras ano, a numerosos visitantes, veciños e veciñas, así como docentes ou incluso, o pasado verán, á Ruta Quetzal. “Esta iniciativa representa moi ben o compromiso do Concello de Barbadás coa cultura, coa nosa identidade e coa posta en valor do noso patrimonio”, resaltou esta mañá Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, durante a presentación da actividade. 

Xunto co paseo literario, este sábado tamén se inaugurará a sinalización permanente da ruta e o percorrido GPS, así como unha exposición permanente sobre a autora no local social de Piñor. Comisariada polo xornalista Luis Congil, a mostra “As palabras postas en fila. O álbum da infancia de Carmiña en Piñor” recolle fotografías familiares da infancia e adolescencia de Martín Gaite no núcleo de Barbadás, acompañadas de informacións e entrevistas coa escritora. “Luis fixo un extraordinario traballo de recuperación de fotografías co que recuperamos tamén unha parte da nosa memoria colectiva e achegamos unha nova versión das raíces galegas, moitas veces olvidadas, de Martín Gaite”, sinalou Valcárcel. 

Con estas novidades, o Concello reafirma o seu compromiso coa divulgación do importante legado literario de Piñor. “Con esta exposición damos un paso adiante na posta en valor do noso patrimonio: o proxecto deixa de ser unha actividade puntual e pasa a convertirse nun legado permanente que poderá ser gozado pola veciñanza durante todo o ano”, resaltou. O concelleiro de Cultura, José Manuel Morgade, tamén agradeceu o traballo de Luis Congil, así como de David G.Couso, docente e investigador que realizou a súa tese sobre Carmen Martín Gaite e profundizou no seu vínculo con Piñor e na pegada nas súas obras literarias. “O traballo de David fai posible este roteiro que xa é unha realidade consolidade despois de catro anos”, sinalou. 

O paseo arrancará ás 9,45 horas deste sábado, día 4 de xullo, desde o local social de Piñor. “Realizaremos un paseo curto no que iremos falando da relación de Carmen Martín Gaite con Piñor e iremos vendo as referencias a persoas e lugares de Trimonte, o nome literario que lle deu, nas súas novelas”, detallou Couso, quen agradeceu o apoio do Concello de Barbadás. “Primeiro colocouse un panel, despois o rincón das letras, agora esta exposición… son tantas as cousas que se levan feito aquí para poñer en valor o legado de Carmen Martín Gaite en Piñor”, destacou. 

Unha vez rematada a ruta, os participantes volverán ao local social de Piñor, onde Luis Congil lles explicará a mostra. “Esta exposición é poñerlle rostro aos estudos de investigación de David”, apuntou o xornalista. O público poderá percorrer os veráns da autora en Piñor, onde naceu a súa vocación literaria. “Piñor significaba para ela a esencia da infancia e da liberdade, e esas historias foron cristalizando en tres novelas que están ambientadas aquí”, destacou. 

Para finalizar, os participantes están convidados a petiscos no Bar O Regueiro, “porque a cultura tamén é encontro, convivencia e comunidade”, en palabras de José Manuel Morgade. 

Cultura, Novas

CONTENT.1783880828

SINGLE.1783880828