12/06/2026

Barbadás inaugura mañá a temporada estival coa apertura das piscinas municipais

  • O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destaca como principal novidade a instalación dunha cadeira que permite o baño autónomo de persoas con mobilidade reducida
  • O Concello puxo a punto o recinto coa renovación dunha das bombas do sistema de filtración, o pintado do bordo da piscina de adultos, a reparación de lousas e o replanteo de zonas de céspede

O Concello de Barbadás inaugura mañá a temporada estival coa apertura das piscinas municipais. O goberno local levou a cabo nas últimas semanas a posta a punto das instalacións, que permanecerán abertas ata o 13 de setembro. As melloras do espazo incluíron o cambio dunha das bombas do sistema de filtración, o pintado do bordo do vaso de adultos, a reparación de lousas e o replanteo de zonas de céspede.  

Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, destaca como principal novidade a instalación dunha cadeira para persoas con mobilidade reducida no bordo da piscina de adultos. “Deste xeito, todas aquelas persoas con mobilidade reducida que queiran bañarse e refrescarse de xeito autónomo o poderán facer”, resalta. 

O sistema, de uso sinxelo, funciona coa axuda dunha mangueira de auga. Unha vez sentada, é a propia persoa quen manexa os movementos da cadeira cun mando. “Estamos moi satisfeitos de incorporar esta mellora para facer accesible a piscina a toda a veciñanza”, engade Daniel Rey, tenente alcalde, quen agradece o traballo realizado polos operarios municipais nas últimas semanas. 

Por outra banda, o Concello de Barbadás vén de recibir unha subvención da Xunta de Galicia para a renovación íntegra dos vestiarios das piscinas municipais. As obras realizaranse unha vez remate a actual temporada estival. “O próximo ano, a poboación poderá desfrutar duns vestiarios completamente renovados”, apunta Valcárcel.

As entradas e bonos pódense adquirir a través da APP do Concello ou da páxina web. 

Novas

CONTENT.1783879181

SINGLE.1783879181