03/10/2025
Barbadás inaugura un novo espazo de lecer ao aire libre e convida aos escolares do municipio a bautizalo

- “Como goberno fomos quen de recuperar esta zona, que durante moitísimos anos estivo practicamente abandonada, e convertila nun espazo de lecer para que desfruten pequenos e maiores”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
- “Este parque integra a natureza con espazos de xogo que non hai en outros parques, está pensado para que sexa espazo de xogo e diversión e tamén para descansar e mesmo merendar”, compartiu Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns
- Os traballos foron levados a cabo polo módulo de xardinaría do Obradoiro de Emprego
O Concello de Barbadás inaugurou esta mañá unha nova área de lecer ao aire libre á beira da Calzada Romana da Valenzá. Os traballos realizados na zona, de 2.200 metros cadrados, consistiron na poda das árbores e adecuación do espazo e na colocación de mesas, bancos e xogos tradicionais como cordas, instrumentos de música ou casas de madeira.
“Como goberno fomos quen de recuperar esta zona, que durante moitísimos anos estivo practicamente abandonada, e convertila nun espazo de lecer para que desfruten pequenos e maiores”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, durante o acto de inauguración. A idea de darlle unha nova vida a esta área natural xurdiu das concellerías de Educación e de Parques e Xardíns e contou coa colaboración da Concellería de Emerxencias e da Concellería de Promoción Económica.
Desde o principio, o obxectivo foi ofrecer á poboación un espazo de lecer distinto ao resto. “Este parque integra a natureza con espazos de xogo que non hai en outros parques. Está pensado para que sexa espazo de xogo e diversión e tamén para descansar e mesmo merendar, tanto as familias como a mocidade da Valenzá e do resto da comarca de Ourense”, detallou Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns. A área natural conta cunha ampla variedade de especies arbóreas, desde piñeiros a carballos, teixos, salgueiros, sobreiras ou loureiros.
Unha vez rematado o proxecto, o goberno local decidiu convidar á comunidade educativa do municipio a escoller un nome para o espazo de lecer. “Neste primeiro paso de apertura queremos a colaboración dos colexios. A través da Concellería de Educación ímoslle enviar ao alumnado unha petición para que aporte ideas e bautice este parque co nome que lles pareza máis axeitado”, apuntou Morenza.
Limpeza do espazo e deseño da nova área de xogos
A Concellería de Emerxencias encargouse de limpar e adaptar o espazo, invadido pola vexetación durante anos. “O primeiro que fixemos foi traballar na prevención do risco, para o que traballamos cunha empresa especializada en podas en altura e evitar así posibles caídas de rama e outras vexetacións”, explicou Daniel Rey, concelleiro de Emerxencias.
A empresa podou, limpou e incluso talou dúas árbores que se atopaban en mal estado, e utilizou un aserradeiro móbil para aproveitar a madeira e elaborar in situ as novas mesas e bancos. Unha vez que o espazo estaba listo, o alumnado do módulo de xardinaría do Obradoiro de Emprego deseñou os espazos de xogo, que se repartiron en diversas zonas. “Decidiuse crear unha zona de aventuras con elementos tradicionais, aquí non hai tobogáns, senón xogos tradicionais, distintos”, apuntou José Manuel Morgade, concelleiro de Promoción Económica. O alumnado do Obradoiro dedicou arredor dun mes ao deseño e colocación dos novos elementos, dos que xa poden desfrutar os nenos e nenas da contorna.