09/01/2024

Barbadás, incubadora de negocios que despuntan no seu sector, ofrece dous niños empresariais para apoiar aos emprendedores

O Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás foi incubadora de empresas que xa son un referente no seu sector. É o caso de Sanysec, dedicada ao tratamento de humidades e que despois de tres anos traslada as súas oficinas, deixando libre un dos dous niños empresariais que se ofrecen aos emprendedores para que poñan en marcha o seu negocio. Trátase dunha fórmula de apoio coa que se conta dende o 2016 para apoiar proxectos empresariais viables.

Axudar a minimizar as barreiras dos inicios dunha andaina empresarial é o obxectivo da concellería de Promoción Económica que lidera José Manuel Morgade. Deste xeito, a través dos niños empresariais ofrécense todos os medios técnicos e económicos cos que conta o Concello de Barbadás, como a liña municipal de subvencións a empresas de recente creación.

Un custo simbólico ao mes

Os dous niños empresariais cederanse inicialmente por 12 meses con posibilidade de prórroga ata 36 meses. Os beneficiarios terán que abonar un custo simbólico ao mes, no que se inclúe mobiliario, equipos informáticos, conexión a Internet, luz, calefacción e servizo de limpeza. Tamén accederase a asesoramento e apoio do persoal técnico do CET.

Os interesados deben presentar a solicitude e a documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Barbadás. Serán elixidas as empresas que obteñan maior puntuación segundo a normativa.

O Concello ofrece unha oportunidade idónea para os novos emprendedores que queiran instalarse nun municipio dinámico, cunha situación territorial privilexiada e un dos motores socioeconómicos da provincia.

 

 

 

Novas

CONTENT.1726319014

SINGLE.1726319014