05/10/2025
Barbadás inicia a renovación de 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED conforme á normativa actual de eficiencia enerxética e calidade

- A intervención está enmarcada no proxecto aprobado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) de 350.984,26 euros para modernizar a iluminación pública, neste caso, nos núcleos de Bentraces e Barbadás
- “O marco legal actual obriga a axustar a iluminación a uns parámetros técnicos concretos, evitando o sobredimensionamento que presentaban moitas instalacións antigas”, detalla Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos
O Concello de Barbadás vén de iniciar a renovación de 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED no marco do proxecto aprobado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). Trátase do terceiro plan de modernización lumínica que o Concello presenta ante o organismo estatal co obxectivo de reafirmar o seu compromiso coa redución da pegada de carbono e o avance cara a un modelo de desenvolvemento sostible e respectuoso.
A intervención, que ascende aos 350.984,24 euros, permitirá reducir nun 83% o consumo enerxético actual. O proxecto inclúe a substitución dun total de 581 luces repartidas en nove instalacións de alumeado público nos núcleos de Barbadás e Bentraces, principalmente. “As novas luminarias son LED de 2200K, dimensionadas conforme á normativa vixente en materia de eficiencia enerxética e calidade do alumeado exterior”, explica Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.
A elección das luminarias que xa se están instalando vén dada polo Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior, que marca os niveis de iluminación adecuados a cada tipo de vía, a limitación do consumo enerxético e a potencia instalada e a redución da contaminación lumínica. “Este marco legal obriga a axustar a iluminación a uns parámetros técnicos concretos, evitando o sobredimensionamento que presentaban moitas instalacións antigas”, detalla Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos.
Nesa liña, a edila dá conta dos beneficios das novas luces, non só no relativo ao consumo enerxético, senón tamén noutros eidos como a saúde ou a seguridade viaria. “Estanse a colocar luces con temperaturas de cor baixas con moi pouca fracción de radiación azul, o que evita alteracións nos ritmos circadianos da poboación e contribúe a unha mellor calidade do descanso nocturno”, destaca Morenza. As novas luminarias reforzan a seguridade viaria ao evitar o deslumbramento de condutores e peóns, ademais de reducir o impacto na fauna da contorna. A elección das luces tamén está aliñada coa Estratexia Nacional de Ceos Escuros, así como coas directrices europeas de protección da biodiversidade.
“O obxectivo é reducir a sobreiluminación, axustar a luz aos niveis recomendados internacionalmente para garantir seguridade viaria e confort visual e avanzar cara a un modelo de alumeado máis sostible e eficiente, aliñado coas políticas enerxéticas e ambientais europeas”, resume o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Concello pioneiro en instalacións LED
Os dous anteriores proxectos do Concello de Barbadás aprobados polo IDAE permitiron substituír vellas luminarias por tecnoloxía LED en núcleos como Parada e Sobrado e en sete rúas da Valenzá.
Ao marxe dos préstamos concedidos polo IDAE, Barbadás foi un concello pioneiro na modernización da iluminación pública. Con fondos propios, o goberno local leva cambiado nos últimos anos as luminarias de localidades como Piñor ou Finca Fierro.