11/11/2025

Barbadás levará a cabo un novo reparto de composteiros entre a veciñanza

Punto Informativo
  • Durante a fin de semana, habilitouse un punto informativo na Valenzá para resolver dúbidas, explicar os beneficios da compostaxe e fomentar a participación cidadá

O Concello de Barbadás continúa a avanzar na implantación da compostaxe doméstica e na sensibilización ambiental da veciñanza. Con este obxectivo, o pasado sábado 8 de novembro habilitouse un punto informativo no municipio, que serviu como espazo de encontro para resolver dúbidas, explicar os beneficios da compostaxe e fomentar a participación cidadá.

Ao longo da xornada, o punto informativo recibiu unha excelente acollida, con numerosas persoas achegándose para coñecer máis sobre o proceso de compostaxe, solicitar información práctica e anotarse para participar no programa municipal. A poboación tamén puido recoller cubos para reciclar nos domicilios de entornos urbanos os residuos orgánicos que van ao contedor marrón. Esta acción permitiu acercar a campaña directamente á rúa, favorecendo unha comunicación directa, próxima e personalizada coas persoas interesadas.

Como continuidade da iniciativa, o Concello entregará composteiros domésticos o venres 28 ás 19,00 horas no Centro Empresarial Transfronteirizo. Ademais da recollida do material, ofrecerase unha breve explicación coas pautas básicas para iniciar correctamente o proceso de compostaxe no fogar.

O Concello anima ás persoas que aínda non se teñan sumado a facelo nos próximos días, lembrando que a compostaxe doméstica é unha ferramenta eficaz para reducir biorresiduos, diminuír o volume de lixo que chega a vertedoiro e contribuír a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web (https://www.barbadas.ocaminosostible.gal). Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas

CONTENT.1770878463

SINGLE.1770878463