13/01/2026

Barbadás notificará á empresa que presta o servizo de axuda no fogar a segunda sanción: 12.000 euros

  • Os incumprimentos do contrato inclúen a falta de cobertura de baixas e vacacións da plantilla ou a carencia de profesionais cualificados
  • O goberno local lembra que a administración autonómica e a estatal están obrigadas a cubrir integramente o custe da atención á domicilio

O Concello de Barbadás pecha o segundo expediente sancionador á empresa do Servizo de Atención no Fogar (SAF), Osventos, debido aos sucesivos incumprimentos do contrato. Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de alegacións, dito expediente non recibiu ningunha por parte da adxudicataria, polo que agora será levado á Xunta de Goberno para a aprobación da proposta de resolución, que se traducirá nunha sanción de 12.000 euros. Mentres, o Concello busca fórmulas de mellora deste servizo, fundamental para a atención das persoas máis vulnerables do Concello. 

As carencias no servizo -baixas e vacacións sen cubrir ou mesmo falta de profesionais cualificados- están a provocar o detrimento da atención ás persoas dependentes do Concello. Ante elo, o goberno local iniciou dous expedientes: malia que o primeiro non prosperou na vía xudicial por unha cuestión de prazos, o segundo é do que estamos a falar agora. O informe desta segunda sanción iniciouse nos primeiros días do pasado mes de agosto, despois de que numerosas familias presentasen queixas ante a falta de persoal e o empeoramento do servizo. 

Este asunto foi obxecto de debate no pleno ordinario deste luns, no que o tenente alcalde, Daniel Rey, deu conta dos pasos dados polo goberno municipal en relación ao SAF ante a moción do PSdeG para evitar os incumprimentos da empresa adxudicataria. 

Rey recordou os numerosos requerimentos enviados a Osventos desde que se detectou o detrimento do servizo, así como as sancións e as peticións de reunións coa súa dirección para solucionar a situación. Por outra banda, puxo énfase no infrafinanciamento da administración autonómica e estatal, obrigadas por lei a asumir o 100% da atención a domicilio. “En Barbadás, o Concello financia o 58,7% do SAF, cando deberían encargarse a Xunta e o Goberno Central xa que non é unha competencia municipal”, apuntou. 

De feito, o Concello unirase á demanda anunciada pola Fegamp contra a Xunta pola falta de financiamento autonómico dos servizos de atención no fogar. O pasado mes de agosto, Barbadás xa lle reclamou ao goberno galego que asumira a xestión do SAF. 

Nos últimos meses, o goberno local reuniuse coa asociación galega sociosanitaria para coñecer a situación do sector, marcada pola falta de profesionais cualificados e as dificultades de contratación. Nesa liña, o Concello de Barbadás impulsará neste 2026 un obradoiro de emprego sociosanitario, que facilite a formación e contratación de traballadores no municipio. 

Aprobación do padrón máis elevado da historia de Barbadás

O pleno do Concello de Barbadás tamén aprobou en sesión plenaria a cifra de poboación a data 01/01/2025, 11.201 habitantes. Trátase do padrón máis elevado da historia de Barbadás, o quinto concello máis poboado da provincia ourensá, só por detrás da cidade, Carballiño, O Barco e Verín. O goberno local destacou a importancia de atraer poboación nun contexto demográfico adverso como o actual, no que os concellos galegos, e en especial, os de interior, perden habitantes ano tras ano.

Porén, Barbadás rexistrou na última década un crecemento continuado da veciñanza, só interrumpido no 2021, ano posterior á pandemia, cun pequeno descenso. De feito, desde 2015, o municipio recibiu a preto dun milleiro de novos veciños e veciñas, o que dá conta da boa calidade dos servizos e prestacións municipais, así como da dinamización económica e social do concello.

Novas

CONTENT.1770880097

SINGLE.1770880097