18/11/2023
Barbadás obtén o financiamento para rehabilitar o centro social de Sobrado do Bispo, que ofrece numerosos servizos á veciñanza
O Concello de Barbadás vén de obter o financiamento para a rehabilitación do centro social de Sobrado do Bispo, único das súas características no municipio e que ofrece numerosos servizos á veciñanza. A reforma levarase a cabo cun orzamento de 151.957 euros e un prazo de execución de 6 meses. O Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Barbadás firmarán un convenio para o apoio ao financiamento de actuacións de cooperación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Poñer en valor un inmoble que presta gran cantidade de servizos non só aos veciños de Sobrado do Bispo, senón de todo o municipio é o obxectivo do Concello de Barbadás. Coas obras melloraranse as posibilidades reais dun inmoble ao que se achegan numerosos veciños e veciñas. Nas súas instalacións pódense ler diarios e revistas, realizar o visionado de recursos audiovisuais, actividades de estimulación cognitiva, programas de promoción da saúde, prevención da dependencia e mantemento físico, alfabetización informática e manexo de novas tecnoloxías. Coa rehabilitación e a mellora da accesibilidade, favoreceríase a participación de persoas de maior idade nestas propostas.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asegura que a reforma do centro social é unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas: “O goberno local leva anos traballando para reformar o inmoble, que é senlleiro no concello. Para nós é moi satisfactorio lograr este financiamento para executar unhas obras tan relevantes”.
Protección do tráfico rodado
As intervencións a realizar serán a modificación do acceso, a construción dunha nova escaleira e zona exterior que protexa aos usuarios do tráfico rodado, creando un espazo de descanso como antesala ao edificio.
Para mellorar a accesibilidade tamén se crearán novos aseos no interior. Na cuberta renovarase a cubrición e substituirase parcialmente a estrutura soporte. Tamén se prevé intervir nas fachadas con novas carpinterías, cámaras e illamento e renovaranse as instalacións de fontanería e saneamento, así como as de electricidade e iluminación e unha nova instalación de ventilación.