13/06/2025

Barbadás oferta máis de 350 prazas para facilitar a conciliación das familias no próximo curso escolar

  • As actividades extraescolares inclúen idiomas, deportes, arte e creatividade
  • O programa Bos días cole arranca ás 7,30 horas e remata ao inicio da xornada escolar
  • Tamén se ofrece o servizo de Mudas Escolares de xeito totalmente gratuíto

A Concellería de Educación de Barbadás traballa xa na programación do curso escolar 2025/2026 coa mirada posta nas familias. Así, oferta máis de 350 prazas que facilitan a conciliación de pais e nais, tanto nas primeiras horas da mañá como polas tardes. 

O goberno local impulsa unha variada proposta de actividades extraescolares nos centros educativos públicos (CEIP Filomena Dato e CEIP O Ruxidoiro), que inclúen idiomas, deporte, arte e creatividade. A selección está deseñada para fomentar o desenvolvemento físico, creativo e emocional dos menores. En cada colexio ofértanse 120 prazas. As actividades comezarán o 1 de outubro e rematarán o 28 de maio de 2026.

Por outra banda, para facilitar a entrada temperá aos colexios, o Concello ofrece o servizo Bos días cole, dispoñible desde as 7,30 horas ata o inicio da xornada escolar. Este programa conta cun total de 120 prazas entre os dous centros educativos. 

As inscricións para as actividades extraescolares e para o servizo Bos días cole poderán realizarse desde o 16 de xuño ata o 6 de xullo. As solicitudes formalízanse a través do rexisto electrónico da web do Concello de Barbadás ou nas oficinas municipais. 

A Concellería de Educación tamén oferta o servizo de Mudas Escolares de xeito totalmente gratuíto, para facilitar a conciliación no horario escolar e evitar que as familias se teñan que desprazar ata o centro escolar se é preciso cambiar de roupa aos menores. 

Educación/Formación, Novas

CONTENT.1768367260

SINGLE.1768367260