01/02/2024
Barbadás organiza a primeira edición da Carreira pola Igualdade e doará a recadación das inscricións ao Banco de Alimentos
Será a primeira edición da Carreira pola Igualdade de Barbadás pero agárdase unha gran participación. Xa son preto dun centenar os inscritos a esta iniciativa que cumprirá un dobre obxectivo: reivindicar a igualdade e axudar ás persoas máis necesitadas, xa que a recadación das inscricións doarase ao Banco de Alimentos.
A Carreira pola Igualdade de Barbadás celebrarase o 9 de marzo e sairá ás 11.00 horas do polideportivo municipal, pasando pola avenida de Celanova para rematar no Parque da Liberdade. Na proba poderán participar todas aquelas mulleres, homes, nenas e nenos que o desexen e o percorrido poderá realizarse camiñando, correndo, en cadeira de rodas, andador, bicicleta, patíns ou patinetes.
Fernando González, veciño de Barbadás diagnosticado cun mieloma múltiple (cáncer de sangre) e que protagoniza unha gran historia de superación, será o encargado de abrir a carreira nunha bicicleta adaptada. Tamén está prevista a participación de deportistas que son todo un referente como a olímpica Adiaratou Iglesias. A cantante Carolina Rubirosa, que reivindica a igualdade nas súas cancións, tamén asistirá e ofrecerá, xa pola tarde, un concerto na Casa da Cultura.
A entrega da camiseta e o dorsal ás persoas inscritas levarase a cabo no Polideportivo Municipal, de mércores a venres en horario de 7.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 22.00 horas.
A concelleira de Igualdade, Elisabet González, anima a toda a cidadanía a participar na carreira, “que reivindicará a igualdade no marco da programación polo 8M e volverá a demostrar a solidariedade dos nosos veciños e veciñas”. Tamén lembra que esta loita non entende de datas e que aínda queda moito traballo por facer para lograr unha igualdade real.