06/06/2025

Barbadás, pioneiro en nova arquitectura pedagóxica coa inauguración das aulas abertas á natureza no CEIP O Ruxidoiro

Aulas abertas
  • Máis de 340 nenos participaron esta mañá na inauguración do espazo verde, que conta con gradas, escenario de area e especies arbóreas
  • “Este proxecto permite concienciar á mocidade na sostibilidade do noso planeta, e supón unha nova forma de achegarse ao coñecemento, cunha didáctica diferente”, resaltou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás

O CEIP O Ruxidoiro de Barbadás dá un paso máis no seu innovador programa pedagóxico coa inauguración das aulas abertas á natureza, un novo espazo de aprendizaxe e lecer. Esta mañá, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a comunidade educativa e o goberno local estrearon o proxecto, no que o Concello, a través da Concellería de Parques e Xardíns, invertiu preto de 40.000 euros. 

“É unha ledicia poder traballar para concienciar á mocidade na sostibilidade do noso planeta, é algo que veremos a futuro. Queremos traballar todos para ter un planeta no que poidades desfrutar en harmonía, en paz, con natureza viva”, sinalou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, mirando aos máis de 340 alumnos que acudiron á inauguración. O rexidor aproveitou a ocasión para poñer en valor o proxecto educativo do colexio, onde se levan a cabo actividades como Ruxihorto, Ruxilecer, Ruxinatura ou Ruxisaber. “Este espazo supón unha nova forma de achegarse ao coñecemento, cunha didáctica e unha visión diferentes e moito máis positivas”, apuntou. 

A directora do Ruxidoiro, Elena Gayo, agradeceu a colaboración institucional na creación da aula aberta á natureza: “Este proxecto que hoxe se materializa é unha testemuña viva do que se pode acadar cando traballamos xuntos cunha visión compartida”. A intervención, realizada nos últimos meses, permitiu converter un espazo residual nun lugar cheo de vida, do que desfrutarán tanto alumnado e docentes do Ruxidoiro como do Filomena Dato. Ademais, poderá acoller actividades impulsadas polo Concello de Barbadás. 

Gayo tamén incidiu en que as novas aulas son un reflexo “da nosa aposta decidida” polo plan da nova arquitectura pedagóxica, que convida a repensar as contornas de aprendizaxe e a facelas máis flexibles, inspiradoras e conectadas “co mundo que nos rodea”. 

O espazo conta cunha bancada corrida de madeira, asentada sobre a topografía natural, en alusión aos teatros gregos. A bancada está orientada a un espazo ovalado de area. A actuación completouse cunha estacada de travesas que configura unha sorte de cabana para usos varios, bancos, plantacións vexetais (con especies perennes e caducifolias) e sistema de rego.

Educación/Formación, Novas

CONTENT.1776091855

SINGLE.1776091855