08/05/2026
Barbadás prepárase para a edición máis participativa da Cavernícola Race Mapfre

- Máis de 530 persoas de toda España están inscritas na proba, que inclúe medio cento de obstáculos nos 8 quilómetros de percorrido
O Concello de Barbadás, a través do Servizo Municipal de Deportes, ultima os detalles da sétima edición da Cavernícola Race Mapfre Barbadás, a máis participativa ata o de agora. Máis de 530 persoas de toda España se achegarán mañá á Valenzá para competir nalgunha das tres categorías da proba OCR (elite, starter e popular), incluída na Liga nacional AOCO, na Liga do Norte de España e na Aurum Terrae de Ourense.
Nos 8 quilómetros de percorrido, os participantes enfrontaranse a medio cento de obstáculos, nos que terán que amosar a súa forza, axilidade, resistencia e destreza físicas. O equipo da Cavernícola, composto polo persoal do Servizo Municipal de Deportes e polo Cavernícola OCR Team, xa colocou as diferentes probas, entre as que hai aneis, murallas, cadeas, pirámides, tobogáns, rodas ou pasos na auga. Entre os novos obstáculos destacan os volantes xiratorios e o rocódromo xiratorio.
A carreira comezará mañá ás 15,30 horas fronte ao Polideportivo Municipal e realizarase en quendas sucesivas das tres categorías. O remate da proba será tamén no mesmo lugar.
Cabe destacar que este ano, por primeira vez, a Cavernícola tamén conta cunha categoría Kids dirixida a nenos e nenas de máis de 4 anos. A proba, de 1,5 quilómetros de percorrido, levarase a cabo o domingo 17 de maio.