05/12/2023

Barbadás presume neste Nadal de ter a árbore natural iluminada máis grande da provincia e estrea un festival de panxoliñas

Barbadás acenderá esta tarde o Nadal. Os veciños e veciñas poderán presumir de ter a árbore natural iluminada máis grande da provincia de Ourense. Trátase dun lodoeiro de preto de 20 metros de altura que comezará a brillar ás 19.00 horas. A tenente de alcalde, Victoria Morenza, subliñou que se trata dunha árbore emblemática, emprazada ao comezo da rúa do Viso e asegurou que “un ano máis o goberno local aposta por levar a iluminación do Nadal a todos os recunchos do concello, se ben na Valenzá ten un mimo especial para incentivar o comercio”.

Toda a programación foi presentada esta mañá nos exteriores da Casa da Mocidade, onde pode visitarse un fermoso poboado navideño. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, quixo destacar que o Nadal en Barbadás “é transversal, cheo de actividades que abranguen o deporte, a cultura e o comercio”. Tamén insistiu en que “no é só o acendido do alumeado, senón transmitir ledicia, ilusión, deporte e cultura, queremos que sexa integrador”.

Co obxectivo de dinamizar a economía nestas datas organizouse un concurso de escaparates no que se poderá participar ata o 12 de decembro. Tal e como explicou a concelleira de Comercio, Marga Pérez, haberá premios do xurado profesional e do popular. Os veciños e veciñas poderán realizar as súas votacións a través da páxina web do Concello. Ademais, por terceiro año e pola gran acollida cidadá, premiaranse os portais e as xanelas coa mellor decoración.

Nunha nova aposta pola conciliación familiar, o Concello volve a organizar o Campamento de Nadal, do 25 de decembro ao 5 de xaneiro no Espazo Infantil. Un total de 40 nenos participarán nesta iniciativa que encherá de diversión os días nos que os cativos e cativas non teñen clase.

A programación de Nadal inclúe unha vintena de propostas culturais,  con teatro, monicreques, cine, concertos ou maxia, entre outras propostas. A concelleira de Cultura, Ana Peleteiro, explicou que por primeiro ano organizouse un festival de panxoliñas que contará coa participación das asociacións musicais e culturais de todo o concello: “O que se pretende é poñer en valor as súa voces e a súa paixón pola música, somos terra de músicos”.

Está previsto que o día 22 de decembro Papá Noel percorra a avenida de Celanova e reciba aos nenos e nenas no poboado de Nadal. O 29 de decembro será O Apalpador o que percorra esta vía acompañado da música tradicional. Os Reis Magos visitarán o 3 de xaneiro os lugares de Santa Uxía, Piñor, Parada, Finca Fierro, Fonsillón, avenida de Celanova, As Lamas, Pontón, Sobrado do Bispo, Bentraces e Loiro. Tamén percorrerán  Diverlandia, no polideportivo municipal, o 4 de xaneiro.

A concelleira de Servizos Sociais, Elisabeth González, lembrou que o Concello promove unha campaña de recollida de xoguetes que leva por lema “O teu xesto conta”. Grazas á iniciativa, os máis pequenos poderán gozar de xogos e libros que xa foron doutros cativos e que poden seguir contaxiando o espírito destas datas.

 

Novas

CONTENT.1733807283

SINGLE.1733807283