13/09/2023
Barbadás, primeiro concello da provincia que implanta o contedor marrón pechado con chave para a recollida de biorresiduos

Barbadás será un concello referente na recollida de biorresiduos. Tal e como se informou no pleno ordinario celebrado onte á tarde, modificarase o contrato con Geseco para implantar o quinto contedor marrón para a recollida deste tipo de residuos que estará pechado con chave co modelo Sogama.
Barbadás será así o primeiro municipio da provincia en dispoñer deste servizo e estableceuse a entrega de 700 cubos domésticos. No rural do municipio xa hai 400 composteiros para os residuos orgánicos.
- Tamén na sesión plenaria se anunciou que o Concello de Barbadás xa conta cun proxecto para mellorar a rede de pluviais dende o paso de peóns de entrada á praza das Labercas ata pozo da avenida de Celanova para separar tubaxes de diferentes zonas. Tal e como se especifica no documento, independizarase o pozo da rúa San Bernabé para evitar que a auga entre nos garaxes da zona. Así se deu a coñecer no pleno ordinario celebrado onte e no que se trataron outros asuntos de interese.
- Do mesmo xeito, explicouse que mañá, 13 de setembro, remata o prazo dado polo Concello de Barbadás á empresa Sodein para a retirada de entullos na baixada ao campo de fútbol, baixo a ponte da autovía. O paso seguinte é comunicar da incidencia á Consellería de Medio Ambiente, que podería impoñer multas de alta contía.
- O proxecto para mellorar a rede de pluviais e evitar que a auga cause danos na zona de San Bernabé e as medidas que tomou o Concello para a retirada de entullos na baixada ao campo de fútbol foron dados a coñecer pola concelleira de Infraestruturas, Victoria Morenza, ante sendas mocións do PP e BNG que foron aprobadas por unanimidade.
- Durante o pleno deuse luz verde, co apoio do equipo de goberno, as abstencións do Partido Popular e do concelleiro de Partido Galego e os votos en contra do BNG á aprobación do suplemento de crédito de 12.000 euros de subvencións a clubs e eventos deportivos e a aprobación de crédito extraordinario para a subvención do Rally de Ourense de 2022 e 2023 por 12.000 euros.
- Co voto a favor do equipo de goberno e Partido Galego e as abstencións do PP e o BNG saíu adiante a aprobación da transferencia de crédito para facer fronte a actualizacións salariais de relación de postos de traballo e incrementos marcados dende a administración central para o funcionariado.
- Tamén se decidiu na sesión plenaria que os festivos locais no concello para o próximo ano 2024 serán o martes de Entroido, 13 de febreiro, e San Martiño, 11 de novembro.