15/11/2023

Barbadás promove un curso para mellorar a independencia tecnolóxica e autonomía dos maiores de 55 anos

Promover a independencia tecnolóxica e autonomía persoal das persoas maiores de 55 anos. Este é o obxectivo do Concello de Barbadás que, a través da concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación organiza un programa de aprendizaxe en novas tecnoloxías dirixido a este grupo de poboación. A iniciativa levarase a cabo en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.

A través do programa Expertclick, as persoas participantes aprenderán a navegar con seguridade e confianza por Internet, facer xestións de banca online, pedir unha cita médica, comprar online ou aproveitar o seu tempo de ocio na rede. A iniciativa impartirase os días 21 e 22 de novembro, de 16.00 a 18.00 horas nas instalacións da Solaina.

Poda e enxerta de froiteiras e vides

Ao mesmo tempo, no Centro Empresarial Transfronteirizo levarase a cabo unha acción formativa sobre poda e enxerta de froiteiras e vides que organiza a Oficina Rural de Ourense da Consellería de Medio Rural. Esta actividade diríxese a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporación. A formación impartirase entre os días 20 e 24 de novembro en horario de 15.30 a 20.30 horas.

Ambos cursos son gratuítos e as inscricións poden realizarse no enderezo electrónico cet@barbadas.es ou no número de teléfono 988 360 413.

Novas

CONTENT.1739731850

SINGLE.1739731850