24/06/2026

Barbadás propón o seu Verán Cultural máis extenso con preto dunha vintena de actividades

  • A programación arranca mañá e inclúe o concerto de Mercedes Peón, funcións do Centro Dramático Galego, circo, humor e proxección de películas
  • “É unha proposta diversa que achega a cultura a veciños e veciñas de diferentes idades e de todos os puntos do municipio”, apunta o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel

 

O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Cultura, impulsa o seu Verán Cultural máis extenso con preto dunha vintena de actividades de música, cine, teatro, circo, maxia e humor. “Por primeira vez, a programación repartirase por todo o municipio, aínda que vai seguir estando centrada no Parque dos Patos”, explicou esta mañá Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, na presentación do ciclo cultural. 

 

A oferta, totalmente gratuíta, inclúe propostas para todas as idades e para os diferentes núcleos de poboación, xa que percorrerá Sobrado do Bispo, Bentraces, Piñor e Finca Fierro, ademais do Parque dos Patos da Valenzá. “Este ano imos ter máis actividades que nunca e non só os xoves, senón tamén os venres”, destacou José Manuel Morgade, concelleiro de Cultura, quen animou a poboación a desfrutar da cultura e do talento dos artistas participantes. 

 

O Verán Cultural contará con artistas de renome como Mercedes Peón, funcións do Centro Dramático Galego, ou a proxección da película “Rondallas”, nominada aos Goya 2026, ademais de grupos no propio concello como a Escola Nova Fronteira, a Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás ou a Banda de Música Cultural de Barbadás. “Agardamos que a veciñanza se achegue e participe porque temos propostas de gran calidade”, apuntaron. 

 

A programación arranca mañá

 

O ciclo cultural comeza mañá coa exhibición de fin de curso de Danzas do Mundo Danzari da Escola Nova Fronteira. A cita terá lugar no Parque dos Patos ás 21,00 horas.

 

O venres será a quenda de MVT Galicia, que tamén realizará a súa actuación de fin de curso ás 21,00 horas no Parque dos Patos. 

 

A próxima semana, as citas correrán a cargo da Banda Infantil da Escola de Música de Barbadás (luns, 22 de xuño) e a Banda de Música Cultural de Barbadás (martes, 23 de xuño). Ambos concertos serán ás 21,00 horas no Parque dos Patos.

 

A actuación de Circo de Sue Moreno inaugurará o mes de xullo co espectáculo “5.0” o xoves 2, ás 21,00 horas no Parque dos Patos. A banda ourensá Brañas Folk actuará o xoves 9, tamén ás 21,00 horas no Parque dos Patos. 

 

O venres 10 de xullo comezarán as proxeccións da película “Rondallas”. Neste caso, será no parque Fidalguiño de Sobrado, ás 22,30 horas. O ciclo fílmico continuará o venres 17 de xullo na Praza do Pumar de Bentraces, o venres 14 de agosto no Campo de Roma de Piñor e o venres 21 de agosto na explanada detrás dos edificios da rúa Milladoiro, en Finca Fierro. Todas as citas serán ás 22,30 horas. 

 

A compañía bilbaína Orainbi presentará o seu espectáculo “Mute”, que une circo e moito humor, o xoves 16 de xullo, ás 21,00 horas, no Parque dos Patos. A seguinte semana será o grupo ourensán Tetas Van quen protagonizará a cita no Parque dos Patos coa presentación do seu último traballo, “15 revoltas”. 

 

O xoves 30 de xullo, ás 21 horas no Parque dos Patos, o Centro Dramático Galego, en coprodución con Espectáculos Valente, representarán a obra “Ñique Ñaque”, baseada nun texto do recoñecido dramaturgo Cándido Pazó. 

 

O mago ourensán Fernando Moreno traerá o seu espectáculo “Superpoderes máxicos” o xoves 6 de agosto, ás 21,00 horas no Parque dos Patos.O seguinte xoves, 13 de agosto, será a compañía Teatro ó Cubo quen aterre no Parque dos Patos coa representación da obra “De Vilatriste a Vilalegre”, unha peza dirixida a público de todas as idades. 

 

O grupo Dr.Slump, un dos grandes referentes das bandas de versións galegas, ofrecerá o seu concerto o xoves 20 de agosto, ás 21,00 horas, no Parque dos Patos. 

 

A recoñecida música, instrumentista e cantante Mercedes Peón porá o broche de ouro á programación cultural co seu concerto do xoves 27 de agosto. A artista presentará o seu último traballo discográfico, “Déixaas”. A cita é ás 21,00 horas no Parque dos Patos.

2026 - Programa verán cultural en Barbadás

2026-Mupi-Barbadás -Verán cultural

 

Novas

CONTENT.1783882178

SINGLE.1783882178