23/06/2024
Barbadás quere implicar aos grandes produtores da Valenzá na reciclaxe dos residuos orgánicos.
Do 24 ao 28 de xuño, visitas aos grandes produtores
No marco da campaña de implantación do colector marrón, dedicado á reciclaxe dos residuos orgánicos, o Concello de Barbadás levará a cabo unha serie de visitas aos grandes produtores da Valenzá do 24 ao 28 de xuño. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar a correcta xestión dos residuos orgánicos e promover prácticas sostibles entre os negocios da zona.
Durante estas visitas, os grandes produtores (cafeterías, restaurantes, hoteis, entre outros), recibirán:
- Asesoramento especializado sobre a reciclaxe de residuos orgánicos.
- Un manual de reciclaxe con información detallada e consellos prácticos.
- Un caldeiro para facilitar a xestión dos restos de comida.
- Bolsas compostables indispensables para o uso correcto do colector marrón.
- Unha chave de apertura dos colectores marróns da rúa, destinada a limitar o uso indebido dos mesmos.
O Concello de Barbadás está comprometido coa promoción de prácticas ecolóxicas e sostibles, e esta campaña é un paso importante cara a unha mellor xestión dos residuos orgánicos na Valenzá. Animamos a todos os grandes produtores a participar activamente nesta iniciativa para contribuír a un medio ambiente máis limpo e saudable para todos.
Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
Máis información a través do teléfono 647 521 464 ou do correo residuos@barbadas.es.