03/06/2024

Barbadás reclama á Xunta que asuma os gastos de mantemento dos centros públicos, que ascenden a 200.000 euros anuais

A Corporación de Barbadás celebrou esta tarde o seu pleno ordinario, no que saíron adiante acordos como a proposta do goberno local para reclamar á Xunta de Galicia que asuma os gastos de conservación e mantemento dos dous CEIP, que no concello ascenden a máis de 200.000 euros anuais. A concelleira de Educación, Marga Pérez, explicou que nesta cantidade non se inclúen todas as actividades que ofrece o Concello para facilitar a conciliación, como as extraescolares ou as saídas didácticas e culturais.

Marga Pérez tamén lembrou que se está incumprindo un acordo do ano 2006 para que a Xunta asuma os gastos de mantemento: luz, limpeza, conserxes, alarmas, e conservación, ademais do pago do persoal de conserxería. “Xa é hora de que a Xunta asuma estes gastos de mantemento, o Concello pode asumir gastos razonables, pero non o pintado e reparación de gretas das fachadas ou problemas de humidades”, engadiu a concelleira.

Tal e como se explica na proposta, ata o de agora son os concellos os que asumen esta “pesada carga económica”, polo que se insta á Xunta de Galicia a que se realice un estudo e análise das necesidades estruturais que teñen os centros, sobre todo os de máis antigüidade, para proceder a súa reforma integral. Ademais, ínstase á Deputación provincial a axudar no cofinanciamento destes gastos “mentres a Xunta non se faga cargo das súas propias competencias e das súas responsabilidades”.

A moción tamén pretende outorgar maior autonomía aos centros educativos para xestionar o seu propio mantemento, “garantindo que se asignen os orzamentos de maneira eficiente e acorde ás necesidades reais de cada colexio”. A proposta saíu adiante cos votos do goberno, o concelleiro do Partido Galego e BNG e o voto en contra do PP.

Tamén prosperou, cos votos a favor de PP e BNG, a abstención do grupo de goberno e o voto en contra de Partido Galego, a moción do Partido Popular para instar ao Concello de Barbadás a colaborar de xeito económico e institucional co proxecto de recuperación do Castro de Trelle e para establecer un convenio de colaboración coa asociación cultural Porta da Cadea.

O goberno local presentou unha enmenda para instar aos Concellos de Toén, Cartelle e Barbadás para que asinasen un convenio de colaboración e solicitouse que se suprimise o segundo punto porque nos últimos anos a asociación Porta da Cadea recibiu subvencións por concorrencia competitiva.  O Partido Popular non aceptou a supresión.

Na sesión plenaria saíu adiante por unanimidade a moción do BNG para o acondicionamento do concello de cara á tempada estival co pintado de varandas, a colocación de embelecedores nas principais illas de contedores, renovación de taboleiros e sinalización e mantemento das xardiñeiras, incluídas as do rural.

Victoria Morenza, concelleira de Obras e Infraestruturas, explicou as actuacións que levou a cabo o Concello: “As varandas téñense pintado progresivamente en todas as poboacións do concello e seguirase executando o pintado, os embelecedores colocaranse en función das dispoñibilidades orzamentarias debido ao gran número deste tipo de illas que hai en todo o concello e respecto da renovación de taboleiros, renováronse nos últimos anos no rural e na Valenzá e colocáronse novos en Loiro, Sobrado, Parada, Pontón e Santa Uxía”.

 

 

 

 

 

Novas

CONTENT.1721447167

SINGLE.1721447167