30/03/2023

Barbadás redobra a aposta polo turismo deseñando rutas polos seus 33 cruceiros para amosar os tesouros que ten agochados

O alcalde destacou o traballo transversal que se está a facer desde diversas concellerías para “poñer en valor os elementos propios e singulares deste concello”

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, coa tenente alcalde, Vitoria Morenza, e a concelleira de Educación, Cultura e Comercio e tamén deputada provincial, Marga Pérez, presentaron esta mañá o roteiro dos cruceiros.

Valcárcel explicou na presentación que o roteiro de Carmen Martín Gaite, presentado este mércores en Piñor; o proxecto da Fervenza do Pisco, co compromiso xa asumido para a súa execución por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o roteiro dos Cruceiros e o Bolo do Tangaraño, xunto coa presenza de Barbadás en diferentes feiras como Xantar, demostra que o goberno local aposta por Barbadás “como destino turístico de relevancia na provincia”.

O alcalde destacou o traballo transversal que se está a facer desde diversas concellerías para “poñer en valor os elementos propios e singulares deste Concello”, como neste caso é o caso dos cruceiros.

A concelleira de Educación, Cultura e Comercio, Marga Pérez, explicou que “os cruceiros son monumentos de gran valor histórico e cultural que se atopan habitualmente en camiños e lugares de paso e que serviron de punto de referencia para os peregrinos e viaxeiros que percorrían os camiños de Galicia”.

Os cruceiros son un elemento fundamental do patrimonio cultural de Galicia, engadiu, e “tamén de Barbadás, pois contamos con 33 cruceiros ao longo de 30 quilómetros”.

Pérez tamén detallou os diferentes roteiros que se poden realizar para visitar estes cruceiros e sinalou que as intencións son: por unha banda, “fomentar as gañas de camiñar pola nosa contorna e así coñecer a natureza que temos en Barbadás” e, por outra, “dar a coñecer a historia e lendas que rodean a estes elementos”.

A concelleira avanzou que se distribuirán uns folletos nos que o eixo principal son os cruceiros de Barbadás, cada un acompañado dun código QR que permitirá descargar a historia de cada un deles, así como acceder ao máis relevante do lugar onde se atopan.

A tenente alcalde, Vitoria Morenza, explicou que este proxecto consta de dúas fases. Na primeira foi encargado un estudo dos diferentes cruceiros que se atopan en Barbadás, mentres que na segunda procedeuse ao deseño dos roteiros para poder dalos a coñecer.

Ademais, Morenza destacou que o cruceiro de Zama, xunto ao que se realizou a presentación deste roteiro, aparece en máis dunha obra da escritora Carmen Martín Gaite, insistindo a súa vez na intención do goberno local de descubrir e mostrar os “tesouros agochados do noso Concello”.

Novas, Promoción económica

CONTENT.1726567279

SINGLE.1726567279