11/05/2025

Barbadás reducirá nun 83% o consumo enerxético coa renovación de 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED

Renovación iluminación
  • O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) vén de aprobar o terceiro proxecto presentado polo Concello para modernizar a iluminación pública, neste caso, nos núcleos de Bentraces e Barbadás
  • “Esta actuación vai supoñer unha modernización dun alumeado moi obsoleto, agora mesmo hai un tipo de bombillas que xa nin se atopan e case nin se fabrican”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde
  • A intervención ascende aos 350.984,26 euros, e busca modernizar e optimizar instalacións eléctricas e reducir así o gasto enerxético e económico e a contaminación lumínica

O Concello de Barbadás vén de recibir a aprobación do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) da renovación de 581 vellas luminarias por tecnoloxía LED. Trátase do terceiro proxecto de modernización que o Concello presenta ante o organismo estatal co obxectivo de cambiar e optimizar as instalacións eléctricas municipais, ademais de reducir o gasto enerxético e económico e a contaminación lumínica. 

A actuación permitirá reducir nun 83% o gasto enerxético nos núcleos de Barbadás e Bentraces, que desfrutarán dunha iluminación máis eficiente e de maior calidade. O proxecto aprobado polo IDAE ascende aos 350.984,24 euros, e inclúe un total de 581 luminarias repartidas en nove instalacións de alumeado público nos núcleos de Barbadás e Bentraces, principalmente. “A actuación faise a través dun préstamo a dez anos, xa contemplado nos orzamentos de cada ano”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos.

A renovación das iluminacións é unha aposta do goberno local por mellorar e optimizar o servizo, pero tamén por reducir a contaminación lumínica, na liña de aforro enerxético marcado polo Goberno Central e pola Unión Europea. En palabras da edila: “Isto vai supoñer a modernización dun alumeado moi obsoleto, hai un tipo de bombillas que actualmente xa nin se atopan nin case se fabrican. Este tipo de préstamos teñen unha serie de requisitos moi estrictos para evitar a contaminación lumínica”. 

A renovación completa dos case 600 puntos de luz conta cun prazo de 12 semanas para a súa execución, polo que nas próximas semanas a poboación comezará a ver os cambios nas instalacións e nos cuadros. 

Concello pioneiro en instalacións LED

Os dous anteriores proxectos do Concello de Barbadás aprobados polo IDAE permitiron substituír vellas luminarias por tecnoloxía LED en núcleos como Parada e Sobrado e en sete rúas da Valenzá. 

Ao marxe dos préstamos concedidos polo IDAE, Barbadás foi un concello pioneiro na modernización da iluminación pública. Con fondos propios, o goberno local leva cambiado nos últimos anos as luminarias de localidades como Piñor ou Finca Fierro.  

 

Novas

CONTENT.1750529257

SINGLE.1750529257