14/05/2025

Barbadás rehabilita o firme da rúa Fonsillón e reforza a mobilidade e a seguridade vial de condutores e peóns

Obras Fonsillón
  • A actuación, solicitada pola asociación veciñal do barrio, afecta ao tramo comprendido entre o cruce coa rúa da Campina e o límite co concello de Ourense
  • O goberno local decide levar a cabo esta intervención, incluída no Plan de obras de 2025, para poñer solución a un firme en “moi mal estado”

O Concello de Barbadás rehabilitará o firme da rúa Fonsillón no tramo comprendido entre o cruce coa rúa da Campina e o límite co concello de Ourense. As obras incluirán o cambio do firme superficial, así como o pintado de marcas de tráfico para os vehículos e a colocación dun novo redutor de velocidade. “Esta intervención foi plantexada polos veciños, desde o Concello tamén detectamos que a vía estaba en moi mal estado e por iso nos marcamos para o 2025 a súa rehabilitación como unha prioridade”, sinala Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Infraestruturas. 

O tramo de vía afectado é moi transitado e cun alto volume de tráfico rodado, xa que comunica o núcleo da Valenzá coa N-525. “Queremos facilitar a accesibilidade e mobilidade de peóns e vehículos neste barrio, o que vai redundar nunha mellora da calidade de vida da veciñanza”, explica Morenza. O Concello tamén incluíu na obra de reparación do firme a renovación do actual redutor de velocidade, que se atopa “destrozado” e xa non cumple a súa función. 

Plan de obras

O Concello de Barbadás invirte 30.000 euros nesta obra, que conta cun prazo de execución dun mes. A intervención está contemplada no Plan de obras de 2025, que supera os 1,1 millóns de euros para actuacións e melloras no municipio durante este ano, con financiamento propio, do Goberno de España, da Xunta de Galicia ou da Deputación de Ourense.

En total son 9 actuacións, que van desde a substitución de luminarias tradicionais por leds en todo Bentraces e Barbadás, ata a rexeneración de estradas, recuperación de edificios (antiga escola de Sobrado), novas áreas de recreo e deportes (Parque Lucinda), a ampliación do Polideportivo, obras de saneamento ou melloras nos accesos, como por exemplo á Valenzá Vella.

A edil de Infraestruturas da conta da equidade coa que traballa o goberno local nas distintas localidades: “Desde Infraestructuras queremos establecer equilibrio entre os diferentes territorios municipais, que haxa obras e melloras nos núcleos máis pequenos de Barbadás, como Santa Uxía, ata nos máis grandes, como pode ser A Valenzá, pasando por todos os intermedios”. 

No caso do barrio do Fonsillón, ademais da rehabilitación do firme da vía, o Plan de obras tamén contempla a reforma do Parque Lucinda e a substitución integral da iluminación actual por luces LED.

Novas, Urbanismo

CONTENT.1750527222

SINGLE.1750527222