16/05/2025

Barbadás rende homenaxe ás cantareiras e pandereteiras con cantos de taberna e a IV Foliada

  • A Concellería de Cultura propón unha variada programación para festexar o Día das Letras Galegas
  • “Queremos poñer en valor esta figura tan importante da cultura galega, que contribuíu e contribúe a preservar o noso legado”, resalta Ana Peleteiro, edila de Cultura
  • A celebración conta coa colaboración da asociación cultural Moureán, recentemente creada por músicos novos de Barbadás

O Concello de Barbadás festexa o Día das Letras Galegas cunha ampla programación en homenaxe ás mulleres cantareiras e pandereteiras e ao seu papel fundamental na preservación e transmisión da nosa cultura. “Son un símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Defenderon sempre a literatura popular, sen darse conta”, explica Ana Peleteiro, concelleira de Cultura. 

Neste 2025, Barbadás propón unha variada oferta de actividades festivas, que inclúen oferta para poboación de todas as idades. “Non nos centramos unicamente no 17”, destaca a edila. Haberá contacontos, cantos de taberna, actuacións musicais e foliada popular. A asociación cultural Moureán, recentemente impulsada por un grupo de rapaces do municipio, colabora coa Concellería de Cultura en citas como os cantos de taberna ou a foliada. 

Ana Peleteiro tamén pon en valor a implicación das distintas áreas do Concello, como Parques e Xardíns, Limpeza, Protección Civil, Policía Local ou Deportes, ademais da colaboración de establecementos hosteleros. “Queremos convidar a todo o mundo a desfrutar desta programación feita en torno á figura das cantareiras”, engade. 

A gran novidade: os cantos de taberna 

Este ano, Barbadás impulsa unha nova actividade para reivindicar a cultura popular galega: os cantos de taberna. Os integrantes da asociación Moureán visitarán 12 establecementos hostaleiros do municipio desde este venres, día 9, ata o próximo venres, día 16. A ruta arrancará ás seis da tarde, e percorrerá diversos locais da Valenzá. Os bares encheranse de música e cantos tradicionais, abertos á participación da poboación.

Homenaxe ás cantareiras e IV Foliada

A xornada do 17 de maio incluirá un acto conmemorativo das Letras Galegas no parque da Solaina, que consistirá nunha exposición fotográfica protagonizada polas sete pandereteiras ás que se lle adica o Día. Ademais, a Concellería de Cultura colocará imaxes das pandereteiras e cantareiras de Barbadás, “que semana tras semana ensaian, socializan e contribúen á preservación desta literatura popular”, en palabras de Peleteiro. 

Desde as doce do mediodía, haberá actuacións musicais das Lambisqueiras, Ferreñas no Luscofusco, grupo de baile Abesour@s de Nova Fronteira e, como non podía ser doutro xeito, do grupo de cantareiras e pandereteiras de Barbadás.  

O día 24 celebrarase a IV Foliada de Barbadás, que se vai desenvolver no Parque dos Carrís. “Nesta actividade tamén colabora a asociación Moureán”, detalla a edila. Este ano, o Concello retoma o desfile da Banda de Gaitas e da Banda Cultural de Barbadás, que percorrerá a avenida de Celanova ata o parque dos Carrís. Alí haberá concertos, sesión vermú e actuacións de grupos como Vagalumes, Velai Vai, Pandereteiras de Seixalbo, Picafoles ou Cantares da Cunha. “Este ano modifícase a opción de comida, haberá degustación de porco ao espeto, empanada e lambiscadas”, explica Peleteiro. A organización porá a disposición do público tickets de venda para sumarse ao xantar popular. Tamén haberá sorteos de produtos e lotes, ademais de postos de artesanía, xogos populares ou obradoiros de baile. 

Xa pola noite, actuará Fiandola. Unha vez remate o concerto, a foliada será aberta á participación de veciños e veciñas.

Para os máis pequenos

A celebración das Letras Galegas arrancou para os máis pequenos este xoves coa primeira Contada no parque. A actividade correu a conta Carmen Domech, que interpretou o conto “O Grúfalo” para familias e nenos e nenas de máis de 3 anos. “Como anos anteriores, ofrecemos xornadas de contacontos en lingua galega para fomentar a lectura”, detalla Peleteiro. As contadas continúan os próximos xoves (15, 22 e 29), ás 18,30 horas (sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, levaranse a cabo no parque da Casa da Cultura). Cabe destacar que é preciso inscribirse a través do correo biblioteca@barbadas.es.

Cultura, Novas

CONTENT.1750529730

SINGLE.1750529730