30/01/2024

Barbadás repartirá preto de 6.000 euros entre as mellores carrozas, comparsas e disfraces do gran Desfile de Entroido

As mellores carrozas, comparsas e disfraces terán premio en Barbadás. O Concello repartirá preto de 6.000 euros no Concurso Desfile de Entroido 2024, que se celebrará o martes 13 de febreiro pola avenida de Celanova. Poderán participar todas aquelas persoas ou grupos que presenten a súa solicitude antes do día 12 de febreiro. Con esta iniciativa, o Concello pretende fomentar, conservar, promocionar e ensalzar a tradición do Entroido.

No concurso establécense as seguintes categorías: Carrozas cun mínimo de 10 persoas; comparsas co mesmo número mínimo que pode ir acompañada de vehículo ou elemento artístico ou parellas, tríos e disfraces individuais. Ademais, as asociacións que participen no desfile do Martes de Entroido e que estean compostas por máis de dez persoas e debidamente inscritas no Rexistro de Asociacións do Concello de Barbadás recibirán unha axuda de 300 euros.

Xunto con desfile infantil do 9 de febreiro, no que participarán 1.200 escolares, o Concurso Desfile de Entroido será un dos pratos fortes da programación que xa arrancou e que se desenvolverá durante case un mes.

Esta fin de semana, Barbadás reivindicará o Entroido máis tradicional coas Mascaradas Ancestrais. As máscaras das Señoritas e Labardeiros de Mugares (Toén) percorrerán o casco vello de Barbadás, este sábado a partir das 17.00 horas. O desfile estará acompañado do Folión Os Trebóns e rematará cunha festa no Museo da Gaita de Fole.

Esta é a programación detallada para os próximos días:

1 de febreiro: Regueifa de Compadres na Praza Vella da Valenzá. 12.30 horas.

2 de febreiro: Obradoiro de Gorros de Labardeiros no Museo da Gaita. 17.00 horas.

3 de febreiro. Mascaradas Ancestrais. Dedicada ás Señoritas e Labardeiros de Mugares. Pasarrúas amenizado polo folión Os Trebóns.

7 de febreiro: Masterclass especial de Entroido. Polideportivo municipal. 20.00 horas.

8 de febreiro: Regueifa de Comadres. Praza Vella da Valenzá. 12.30 horas.

9 de febreiro: Desfile infantil e do Centro Ocupacional das Burgas pola avenida de Celanova. 12.00 horas.

Pregón con Improversados e sesión disco-móbil. 20.00 horas

Cea de comadres nos establecementos hostaleiros. 21.30 horas.

Festa con Gramola Disco. 23.00 horas.

12 de febreiro: Festa e concurso de disfraces infantil. Parque da Solaina. 16.00 horas.

Photocall especial do Entroido amenizado por DJ. Casa da Mocidade. 18.00 horas.

13 de febreiro: Gran desfile de Entroido. Avenida de Celanova. 17.00 horas.

14 de febreiro: Desfile fúnebre e queima dos Mecos. Avenida de Celanova. 20.00 horas.

Espectáculo de danza aérea con lume e fogos artificiais. Praza Vella da Valenzá. 21.00 horas.

Ademais, organizouse un Concurso de Mecos no que se repartirán 600 euros en premios e os interesados poden consultar as bases na páxina web do Concello de Barbadás.

 

 

 

 

Novas

CONTENT.1716266274

SINGLE.1716266274