08/01/2024

Barbadás rompe o seu teito poboacional aprobando hoxe un censo de 11.171 habitantes, a cifra máis alta xamais rexistrada

Barbadás celebrou hoxe o pleno ordinario do mes de xaneiro no que se aprobou a revisión da poboación residente a 1 de xaneiro de 2023, que ascende a 11.171 habitantes, o que supón a cifra máis alta dende que se rexistran datos no Instituto Nacional de Estatística (INE). O concello rompeu así o seu teito poboacional e demostra as políticas sociais, de conciliación, deportivas e culturais son claves á hora de fixar poboación e mesmo ampliala de xeito significativo, como é o caso.

Segundo os datos de INE, foi no 2019 cando Barbadás superou por primeira vez a barreira dos 11.000 habitantes e o concello volveu a experimentar durante o 2023 un destacado crecemento. Con respecto ao 2022, a cifra de residentes no concello aumentou en máis dun cento. Se botamos a vista máis atrás, e tomando como referencia as cifras do 2013, o concello gañou preto dun millar de habitantes.

Tamén atendendo as cifras do Instituto Nacional de Estatística, Barbadás consolídase como a cuarta vila en poboación e xunto co Carballiño, aínda que en menor aumento, é a única que gaña habitantes. Tamén pode presumir Barbadás de ser dos poucos concellos de Galicia que suma poboación e que rompe a tendencia de perda de habitantes que tanto preocupa nos concellos do interior da comunidade galega.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, asegurou no pleno que os datos confirman o crecemento do seu municipio ao longo do tempo, consolidándose como a cuarta vila da provincia e con “afán de seguir medrando”. O rexedor afirmou na sesión plenaria  que “Barbadás medra pola calidade dos servizos que se ofrecen e polo traballo que se fai no ámbito cultural, do deporte e da conciliación, ademais de pola atención á mocidade e aos nosos maiores”. Valcárcel anunciou na sesión plenaria que esta seguirá sendo a senda pola que transite o goberno que preside: “un crecemento sostible que contemple a humanización do noso concello”.

 

Novas

CONTENT.1728658211

SINGLE.1728658211